Festival Emigrason: Bruxelas, sexta provincia

O festival, impulsado por mozos emigrantes, conságrase na súa segunda edición na capital belga con foliada e bandas imprescindibles do panorama galego actual

O Foro de Investigadores Galegos no estranxeiro reúne, na mesma fin de semana, a medio centenar de profesionais de diversos ámbitos

Grande Amore, nun momento do concerto

Grande Amore, nun momento do concerto / Pablo Vázquez Varela

Gaitas, pandeireta, indie con pasaporte muradá, muiñeira con fusión electrónica, versos musicados con trazos dialectais esquecidos, ou a opening en galego de Dragon Ball que educou nas posibilidades do idioma a centos de rapaces de finais dos 90. Podía ser Cambados, Ortigueira, Allariz ou calquera vila galega, terra de artistas, pero foi en Bruxelas. Todo isto e moito máis puido escoitarse esta fin de semana no corazón de Europa, unha vila tan galega, visto o visto, como todas as anteriores. Unha cousa quedou clara: se Arxentina é a quinta provincia, Bruxelas postúlase como sexta. O festival Emigrason, impulsado por un grupo de rapaces expat—os emigrados modernos— celebrou a súa segunda edición na capital belga con foliada e un cartel que contou cos grandes nomes do panorama musical actual en Galicia.

The Rapants, Lontreira, Ataque Escampe, Catuxa Salom e Grande Amore, en quendas no escenario da sala Tricoterie, converteron o festival, nacido da morriña dos expatriados, en xa eterno na súa segunda edición. O grupo Alumea, emigrados galegos de segunda, terceira e ata cuarta xeración, galegofalantes con sotaque francés, puxeron a música da foliada. A agrupación Aldaolado, conformada por María Lado e Lucía Aldao, a poesía. E todos xuntos, a maxia. “Dábanos algo de vertixe o dobrar cifras—recoñece Karan Novo, vigués residente en Bruxelas e un dos impulsores da cita—porque a sala tiña o dobre de aforo que a do primeiro ano. Ao final, vendemos as entradas en 10 minutos”, lembra.

Os organizadores do festival, ovacionados ao termo dos concertos

Os organizadores do festival, ovacionados ao termo dos concertos / Pablo Vázquez Varela

Todo anticipaba grandes sensacións, pero o directo superou dabondo unhas expectativas de partida difíciles de acadar ata para os máis optimistas. Galegos de todos os pelaxes acudiron en masa a un chamado único na súa especie en Europa, pero do máis común na historia da emigración no país, que conservou a identidade e os hábitos lonxe da terra ao acubillo dos centros galegos, da música, da festa e da celebración da gastronomía. “Viñeron galegos residentes en Bruxelas, outros dende Galicia, e, o máis impresionante, galegos residentes en 15 países distintos”, conta Novo.

“Coñecín o festival o ano pasado, pero non puiden ir. Este ano tiña a viaxe preparada hai meses, sen saber se ía ter días libres para ir”, conta Sara Silvar, galega residente en Madrid. “Non o podía perder. Cumpriu as expectativas. Tes a parte boa de sentir que fas turismo, pero de estar coma na casa”, asegura.

Italia, Grecia, Finlandia, Polonia, Francia, Portugal, Luxemburgo ou Reino Unido. Ninguén quixo faltar. Nin á visita ao parlamento europeo, auspiciada polos eurodeputados Ana Miranda (BNG) e Nicolás González Casares (PSdG), colaboradores, da iniciativa, que patrocina a Xunta de Galicia; nin ao recital poético ofrecido por Aldaolado no Instituto Cervantes, en chave feminista e á galega, proposta inmellorable para o 8M e na que as recitadoras, consagradas no xénero, agasallaron ao público canción protesta, humor e rexouba contra as malas persoas.

Foliada a cargo de Alumea

Foliada a cargo de Alumea / Pablo Vázquez Varela

Na primeira xornada, reservada para a foliada, comezou unha catarse que xa empezara a rumiarse entre os presentes. No Colectivo García Lorca correu o licor café, a empanada e botellíns de Estrella Galicia; bailáronse muiñeiras e pasodobres, non se escoitou outro idioma que o galego. Polas mans dos presentes pasaba un boneco da vaca de Deleite, patrocinadora do festexo. Os asistentes vestían camisetas de Rei Zentolo, deseñador do merchandising. A sexta provincia, de súpeto, disputáballe a hexemonía identitaria ás outras cinco. Cando Alumea deixara o chan da sala fervendo, empezou o que só se podería cualificar como verbena: o DJ mesturou os clásicos da orquestra galega como La ventanita del amor ou Vivir na Coruña con pezas inclasificables da idiosincrasia do país, como a apertura de Dragon Ball, en espontánea homenaxe a Akira Toriyama, ou o himno do Celta.

Pero a auténtica tolemia desatouse o sábado, no suxerinte auditorio abovedado da sala Tricoterie. Abriu os concertos a magnética proposta de Catuxa Salom, que envorcou toda a súa emoción políglota de filla de emigrados, alternando a bosanova, a tradición galega e os ritmos latinos. Recolleu a testemuña Ataque Escampe, que fixo honra á súa categoría de míticos do cartel cunha selección de imprescindibles do seu repertorio, coreados con devoción. Deixaron os ánimos a punto para que Lontreira rebentase a sala. A banda entrou en comuñón cun público entregado ata a extenuación. Tanto, que o teclista acabou recoñecendo o acontecido como “o mellor bolo da súa vida”.

Un momento do concerto de The Rapants

Un momento do concerto de The Rapants / Pablo Vázquez Varela

Coa respiración azorada pola emoción dos pogos recibiron os asistentes a The Rapants, un dos concertos máis agardados da noite e banda experimentada na rúa europea, ao ser a única en repetir no cartel. O ano pasado fixérono aínda coa etiqueta de promesas emerxentes; este, como fenómeno revolución. Selaron o seu idilio coa capital tocando Rue Franklin, que colle o nome da rúa de Bruxelas na que comezaron, o ano pasado, un ascenso que aínda non atopou teito co que bater. “Tiñamos gana de facer un concerto que fora recordado.

Foi un pracer volver a ver a xente que facía anos que non viamos, incluso os camareiros dos bares. Organizar un festival lonxe da casa sen apenas recursos é unha pasada. Hai que estar orgullosos de que haxa xente galega faga cousas así”, asegura Samuel González, voz e guitarra da formación muradá. Abofé que o conseguiron. Cando semellaba que a euforia colectiva chegara ao tope, Grande Amore converteu a celebración en apoteose. E para cando Nuno Pico berrou que “o día que sexamos vellos vainos joder non ter pasado máis tempo cheos coma cadelos falando de cousas”, a ninguén lle quedara xa a menor dúbida daquilo. A xeira rematou como seguramente xa se facía na Habana ou en Bos Aires cando as músicas de moda eran outras: cantando a capella o himno galego.

A investigación galega únese á festa

Ademais da cita musical, Galicia estuvo presente en Bruxelas tamén da man da academia. O primeiro Foro da Investigación Galega no Estranxeiro, organizado polo GdT de Mobilidade Internacional, foi punto de encontro para profesionais galegos de diversos ámbitos residentes no exterior. Entre outras propostas, houbo debates, comunicacións orais, mesas redondas e faladoiros con figuras recoñecidas como o investigador en antropoloxía e arqueoloxía Felipe Criado. En total, medio centenar de participantes residentes en diversos países europeos do entorno tomaron parte das xornadas. A maioría deles, como non podía ser de outro xeito, tampouco perderon a música.

Participantes no Investigal

Participantes no Investigal / LOC