O Noia Harp Fest festexa 11 anos con tres xornadas de música clásica, folk, experimental e jazz

O festival conta con seis escenarios: o Claustro de San Francisco, a Rúa do Curro, a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal

Do 8 ao 10 de agosto haberá oito concertos con artistas de seis países

Actuación do ano pasado no Noia Harp Fest / LOC

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, festexa a súa 11ª edición do 8 ao 10 de agosto con tres xornadas cheas de concertos de folk, jazz ou clásica, e nas que a protagonista absoluta será, de novo, a interpretación musical a través da arpa.

O Noia Harp Fest, que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, é o único evento do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa.

A cita musical ofrece unha programación cunha ampla pluralidade estilística: de clásica a folk pasando por jazz, celta ou experimental. Para todos os gustos.

Concerto da pasada edición / LOC

Deste xeito, a diversidade estilística e de públicos é, sen dúbida, unha das principais características do evento que dirixen Alba Barreiro, Beatriz Martínez e Rodrigo Romaní, quen salienta que o festival “non se parece a ningún outro, pois reúne unha especial combinación de elementos que lle confire unha personalidade única, con concertos de proximidade e para prazas a ceo aberto, e que non entende de fronteiras”.

Este ano, o Noia Harp Fest conta con seis escenarios: o Claustro de San Francisco, a Rúa do Curro, a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal.

Neste espazos, o público poderá gozar da música de arpistas e bandas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania, que formarán parte do cartel do festival, no que se integrarán, como é habitual, artistas e colectivos galegos.

O Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia será, por tercer ano consecutivo, o acto inaugural deste festival. Máis de 25 nenas e nenos de distintas localidades galegas darán conta dos seus coñecementos e xuntos interpretarán, como peche do concerto, un tema en común. A cita será o xoves 8 de agosto no Liceo de Noia.

Encontro de Escolas de Arpa, no 2023 / LOC

Xa en horario de tarde, a Rúa do Curro será o punto no que se desenvolva a Foliada de Benvida ao Noia Harp Fest, na que participarán arpistas de SonDeSeu.

A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, será a responsable de abrir ás 19.00 horas a xornada do venres 9 cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova.

Os concertos continuarán pola noite no Teatro Coliseo Noela con Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de Bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude. Tamén actuará o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que ofrecerá un dos directos máis esperados deste ano. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de clarsach (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e presentarán no Noia Harp Fest o seu lanzamento máis recente, SPARKS, un traballo no que regresan ás súas raíces, nas Highlands, e no que presentan unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.

O público goza da música ao aire libre / LOC

O sábado 10 de agosto, a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do Noia Harp Fest. Será un concerto íntimo no que o público do festival poderá coñecer por vez primeira o traballo da intérprete, que ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.

Pulsa para ver más contenido para ti

Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá unha noite marcada pola experimentación e que contará coa música de Descofar e Momi Maiga.

CONCERTOS NOIA HARP FEST 2024

Xoves 8 de agosto

  • III Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia (13.00 horas) - Liceo de Noia
  • Foliada de Benvida (20.00 horas) - Rúa do Curro

Viernes 9 de agosto

  • Nadia Birkenstock (19.00 horas) - Santa María A Nova
  • Solomiia Savchuk (21.00 horas) - Teatro Coliseo Noela
  • Rachel Hair & Ron Jappy (22.00 horas) - Teatro Coliseo Noela

Sábado 10 de agosto

  • Camille Levecque (19.00 horas) - Claustro de San Francisco
  • Descofar (21.00 horas) - Praza do Tapal
  • Momi Maiga (22.00 horas) - Praza do Tapal

TEMAS

Noticias de Portada Leer Noticias cerca de ti CercaJuegos Jugar