O acordo co PSOE para a investidura deu relevancia política ao BNG, unha formación que tras unha longa travesía polo deserto empeza agora a coller folgos para as eleccións autonómicas. O Consello Nacional do Bloque proclamou onte a Ana Pontón como candidata a Presidencia da Xunta. "Imos a por todas", defende a voceira da formación frentista.

Que lle parece a configuración do novo Goberno?

Desexámoslle acertos ao novo Goberno. Nós imos ser moi esixentes para que cumpra o acordo da investidura que coloca a axenda galega como unha prioridade do Goberno do Estado.

Parécelle unha boa nova que teñamos ministras galegas como Yolanda Díaz?

Que acerte será positivo para todos, pero tamén penso que nos últimos anos neste país xa tivemos ministros galegos. E, sen embargo, eso non significou unha mellor atención aos nosos problemas. O que garante que poidamos cambiar ese guión de discriminación do Estado con Galicia é que teñamos forzas políticas propias e iso acabamos de velo no debate de investidura onde o BNG consegue un gran acordo para Galicia. É a mellor noticia que tivo Galicia nos últimos dez anos.

Pensa que este acordo servirá para relanzar ao BNG nas eleccións autonómicas deste ano?

Este acordo visibiliza que o BNG foi mais útil nun mes para Galicia que Feijóo en dez anos. Ter forzas políticas propias que teñan as mans libres para defender os nosos intereses é clave se queremos avanzar como país. E eu estou convencida de que temos unha tendencia á alza e que nas eleccións galegas de 2020 imos dar un gran salto adiante.

En Galicia a dereita semella seguir bastante aglutinada en torno ao PP, pero a esquerda está moi fragmentada. Pode xogar iso en contra do cambio político nas eleccións autonómicas?

Non vexo á dereita tan unida en Galicia. Vexo unha dereita fragmentada. Ten algunhas fendas pola parte ourensana. Non hai tanta unidade como queren facer brillar. E hai unha forza en claro ascenso político, que é o BNG. E nós imos nestas eleccións a por todas porque o BNG é a garantía dese cambio real no país.

Insisto: será posible ese cambio coa división da esquerda?

Acabamos de ver no Estado como a fragmentación da esquerda non impide que se poidan producir cambios políticos. A pluralidade política non se pode criminalizar.

Nas últimas eleccións xerais o BNG sumou a Compromiso por Galicia a súa candidatura. Está disposto o BNG a buscar alianzas con outras forzas para presentarse aos comicios autonómicos?

O BNG vaise presentar ás eleccións cun proxecto claro, cunha alternativa ambiciosa e con forza. E todos aqueles proxectos e persoas que queiran sumar dentro da alternativa nacionalista teñen as portas abertas no BNG. Temos esa man tendida.

Ve posible un acordo con En Marea, por exemplo?

O que quero dicir é que a oferta que lle facemos aos galegos e as galegas é a oferta dunha organización que leva moitos anos traballando neste país, que ten un proxecto no que poden confiar, que se renovou ao longo destes anos. E o futuro dirá cal é o papel de cada quen.

Se Feijóo perde a maioría absoluta, non lles quedará máis remedio aos partidos de esquerdas que poñerse de acordo. Cre que o goberno de coalición PSOE-Podemos en España e o acordo con BNG facilitan o camiño para posibles pactos postelectorais?

O futuro de Galicia non se escribe en Madrid, o futuro de Galicia escríbese aquí. Dende as diferencias políticas que son lexítimas entre forzas tan diversas como poden ser o PSOE, Podemos ou o BNG temos a capacidade para chegar a acordos. Non creo que haxa nin un so galego que dubide de que se Feijóo perde a maioría absoluta haberá unha alternativa para poñer en marcha o cambio que precisa este país.

Feijóo alerta sempre da difícil gobernabilidade que suporía en Galicia un goberno formado por tres, catro partidos... Serían capaces de entenderse? Xa foi difícil no bipartito e so eran dous...

O bipartito dáballe mil voltas ao goberno do PP en canto ás políticas que aplicou. O que define que un goberno sexa bo ou malo non é o número de forzas políticas que a integran, senón as políticas que se aplican dende ese goberno. Por exemplo, agora en Ourense hai un bipartito no que o PP apoia a un alcalde que Feijóo definiu como letal e está sendo letal para Ourense. Ese é un argumento que cae polo seu propio peso. Feijóo con esa lóxica tería que dicirlle ao seu partido que rompera todos os acordos que ten neste momento con Ciudadanos e con Vox.