26 de enero de 2018
26.01.2018
OLEIROS

Canteira de científicos no Casares

Preto de 50 rapaces e 17 profesores deste instituto están implicados na iniciativa que comezou este curso e que lles supón traballar horas extras e non poder comer na casa

26.01.2018 | 11:13

Nin sequera os fortes recortes de persoal no sector do ensino (como na sanidade) conseguen matar, afogar, a ilusión e a vocación dun profesor por espertar nos seus alumnos a fame de aprender. Por sorte para os rapaces. Coma os estudantes do instituto María Casares de Oleiros que este curso acaban de montar un Clube de Ciencia ao que xa se apuntaron 48 estudantes, a pesar de que teñen que traballar fora do seu horario de clase e comendo no centro escolar rapidiño para ter tempo para facer todos os proxectos científicos que teñen en marcha.

"Levábamos tempo querendo facer cousas distintas. No 2017 houbo unha convocatoria de clubes de ciencia por parte da Xunta en plan programa piloto, pero este curso xa empezamos porque nolo concedeu. Houbo que poñer dacordo a moitos profesores, 17, cinco de Bioloxía e Xeoloxía, catro de Tecnoloxía, tres de Matemáticas e tres de Física e Química, e dous máis de Lingua Galega e Castelá. Se a Xunta non nos concedía o do clube íamolo montar igual, pero así contamos cunha axuda de 1.200 euros para material", explicou a coordinadora deste Clube de Ciencia do María Casares, a profesora de Bioloxía e Xeoloxía María Temes. Este primero ano empezaron no clube con alumnos a partir de terceiro da ESO e para o ano que ven queren ampliar a oferta a primeiro e segundo da ESO. 

Estas clases de ciencia fánse os luns pola tarde, entre as 14.45 e as 16.15, ao quedarse a comer profesores e alumnos na cafetería do instituto, fóra do horario lectivo. Entre os 48 integrantes do clube hai máis rapazas, 27 en total, xa que se quixo expresamente fomentar a presenza feminina nesta actividade. Non só traballan en distintas aulas ou incluso fóra delas, senon que tamén fan excursións, como a saída para o Galiciencia en Ourense ou unha mostra científica no Ágora da Coruña. "Cando imos a estas saídas sempre nos felicitan porque os rapaces teñen un comportamento exquisito. Estes rapaces teñen os seus cinco sentidos captando información, e aprenden dunha forma diferente. Son persoas con outras inquietudes, e supoño que quererán dedicarse a temas relacionados coa ciencia no futuro", conta a coordinadora da iniciativa.

E que fan estes rapaces no Clube de Ciencia? "Estamos con temas de astronomía, domótica, robots, xogos matemáticos... Imos facer un sistema solar a escala, estamos investigando a cantidade de azúcar que hai nos alimentos e alternativas. Empezaremos agora a construir un forno solar, e ademais estamos cunha campaña de reciclaxe no instituto, recollemos cartuchos de tinta, bolígrafos, cintas correctoras... Os rapaces, cada luns un grupo, recorren as aulas recollendo o papel que se produce e que despois usamos para reciclar, para darlle outra utilidade, pechando o ciclo", relata Temes. 

Outro dos proxectos nos que están traballando os rapaces (uns días cos profesores de tecnoloxía, outros cos de bioloxía ou física e química...) é o da construcción dunha casa domótica, a escala, para rentabilizar ao máximo as novas tecnoloxías. Despois de tela construida poñeranlle sensores coa fin de optimizar o consumo enerxético.

O obxetivo desta iniciativa está relacionado, curiosamente, con outro centro educativo, o colexio Isidro Parga Pondal de Santa Cruz. Os rapaces que estudian aquí despois van ao María Casares para continuar estudos, e no seu centro teñen xa asignaturas relacionadas coa ciencia, como robótica, polo que deste xeito cando acceden ao instituto nel xa atopan "unha continuidade" no que empezaron a traballar.

Para fomentar esta continuidade, outra salientable iniciativa: os rapaces do Clube de Ciencia do Casares van dar clases ao Parga Pondal, aos pequenos, de cousas de ciencia que eles aprenderon, como experimentos de Física e Química que aos máis novos lles pode parecer maxia.

"A miña experiencia no Clube de Ciencia é fantástica, estou encantada. É un traballo non remunerado que fas, quitando horas túas, totalmente altruista, moi complicado de organizar e coordinar con pais, profesores e alumnos, e os exames que teñen... pero despois ves o que lles gusta e como atenden cando lles explican, como cando fumos ao Ágora, e esa é a recompensa", confesa María Temes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine