Contar cunha comunidade artística sempre aberta a todo o mundo, con todas as actividades gratuitas, con espíritu de conectar distintas xeracións e distintas artes. Con esta idea naceu o ano pasado Libertatia, baixo o pulo dun grupo de mozos de Oleiros con fortes inquietudes e gañas de relanzar a vida cultural do municipio. Este sábado día 16 farán unha festa de inauguración na Casa Silva en Bastiagueiro para darse a coñecer máis.

Será unha xornada enteira de actividade, comezando polo mediodía coa organización de diferentes obradoiros autoxestionados (escultura, pintura, reciclaxe). Despois dun xantar popular, ás cinco actuarán Pedro Campos&Ramiro Vidal con música e poemas. Logo, o poeta Manuel González Prieto que recitará pezas do seu libro A profecía e o xogo dos espellos. Despois comezarán as actuacións musicais, co proxecto Folerpa de Son de canción de autor e versións acústicas de rock. A continuación actuarán Psychoducks, Kaktuss, Theta Ways e SHC. Libertatia subraia a colaboración da Asociación MusicOleiros. Para rematar, improvisacións.