O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ten catalogado o millo do municipio de Aranga como variedade autóctona, moi resistente á seca e moi produtiva, e o BNG deste concello considera que este feito "non se está a valorar nin a aproveitar nin a nivel agrícola nin hostaleiro nin turístico".

O Bloque considera que esta variedade propia "é un símbolo" da entidade agraria do territorio e "un motivo de orgullo porque leva o nome do concello por Galiza adiante" polo que considera que se debería procurar un selo de calidade e facer convenios para "estimular a súa produción e comercialización".

Os nacionalistas sinalan que tamén se podería facer unha festa gastronómica e un encontro etnográfico (muiñada incluída), todo dirixido a a "dinamizar o potencial produtivo e diversificar a economía aranguesa". Lembran a xa coñecida festa de Bueu do millo corvo, xa declarada de interese turístico, como exemplo a seguir.