Pasaron 82 anos pero a dor aínda impide ás familias falar do acontecido no franquismo. Uns son da parte dos represaliados, outros dos afectos, por convencemento ou por supervivencia. E nos bares de Mera os mariñeiros falan de todo, pero non desa guerra entre irmáns. Pero tampouco se poden esquecer os tempos nos que ter unhas ideas diferentes era causa de morte matada. O BNG de Oleiros fará este domingo día 6 un acto de homenaxe aos mariñeiros de Mera que fuxiron da represión franquista en 1937 nun vapor que chegou a Francia. Será un acto no porto de Mera ao mediodía do domingo, presentado por Xurxo Souto e coa presencia do historiador Carlos Velasco, os poetas a traballadores do mar Xosé Iglesias e Teresa Ramiro, e integrantes do Bloque.

Nos portos había un forte asociacionismo, con moitos mariñeiros afiliados á CNT, polo que foron perseguidos na ditadura. Era o caso de Mera, que contaba co Sindicato de Pescadores. O mar era unha das vías elixidas por algúns para escapar, algúns con intentos frustrados, outros que terminaron en campos de concentración, outros xulgados e presos.

O María Helena J era unha tarrafa de vapor de quince metros de eslora propiedade do médico de Mera, Ramón Juega. O 7 de outubro de 1937, sobre as catro da mañá, unha chalana con sete homes acaroou ao María Helena J e subiron cinco deles agochándose na bodega de proa: os irmáns Manuel e Francisco Irago, Rafael Patiño, Juan Temprano e Juan Antonio Neira. Sobre as seis da mañá o barco, con trece homes, maniobrou para saír cara A Coruña, con Manuel García Lugrís de patrón. Ao pouco sairon os cinco homes da bodega e fixéronse co control sen usar as armas que levaban, obrigando ao patrón a saír da ponte e poñéndose ao timón Andrés Siso, que puxo rumbo a Francia. Na travesía, tras unha discusión, deixaron ao patrón, que rexeitaba axudalos, nun bote no mar, polo Cabo Prior, onde o recolliu unha embarcación de Ares.

O María Helena J chegou ao porto de Saint-Nazaire en Francia dous días despois, con parte dos mariñeiros, nove, que desembarcaron na lancha do práctico e o resto que voltaron á Galiza, ao porto de Celeiro, ao que chegaron por pouco: queimaron parte da madeira da embarcación ao quedar sen carbón. As autoridades galas levaron ao cárcere aos nove que chegaran ao porto e despois foron repatriados á zona republicana en Barcelona e de aí a Valencia. Ao rematar a Guerra Civil foron xulgados por rebeldía e condeados a penas de 3 a 30 anos de prisión.

A historia do María Helena J. é lembrada gracias ao traballo de investigadores coma Dionisio Pereira e no caso de Oleiros, do profesor da Universidade Carlos Velasco que documentou a brutal represión neste concello; ademais da Asociación Punta Bufadoiro. Velasco, en A Represión Franquista en Oleiros, conta mariñeiro por mariñeiro o destino daqueles fuxidos no vapor. Foron procesados vinte, e de varios non consta que foran capturados. Outros foron xulgados en rebeldía. Juan Antonio Neira e Andrés Siso foron condeados a treinta anos de cárcere, pena que lles foi reducida a vinte anos.