O certame de narracións breves Manuel Murguía de Arteixo xa ten un libro recompilatorio cos traballos gañadores dos últimos tres anos. O seu título é A secreta melancolía da garza. O centro cívico da capital municipal acollerá a presentación desta iniciativa mañá ás 20.00 horas.

O acto contará coa presenza das persoas gañadoras dos últimos tres anos. Son José Antonio Lozano, Mercedes Leobalde e Tiago Alves Costa, que verán como os seus escritos forman parte deste novo libro. Tamén asistirán os escritores Xavier Alcalá e Alfredo Ferreiro (este último é o actual coordinador do certame desde o ano 2015).

No mesmo acto tamén faranse públicas as bases da edición do certame do próximo ano, segundo informa o Concello. Este concurso conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.