Por mansplaining pode que moitos e moitas non saiban de que se fala pero se contas que é cando un home interrompe a unha muller para explicarlle de forma condescendente, porque cre que non é suficientemente intelixente para entendelo só porque é muller, seguro que é unha situación que moitas viviron. Así o conta Andrea, e Sara pon un exemplo: "Vén o fontaneiro e diríxese á miña parella e non a min, cando ningún de nós sabe nada de fontanería e quen o chamou fun eu".

Son dous das catorce testemuñas de mulleres de Oleiros de todas as idades, profesións, sectores, ideoloxías políticas, remuneradas e non remuneradas, que foron recollidas por mozos do BNG para festexar o 8 de marzo dándolle voz ás protagonistas, nun traballo divulgado nas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram) e en YouTube, e que está a ter un gran éxito e moita divulgación.

"Empezamos en xaneiro, é complicado porque hai que poñer a todos de acordo un día e unha hora determinada, e que todos tivésemos un oco porque isto fixémolo no noso tempo libre. Queriamos que elas narrasen a súa historia, o que quixeran, sen interrompelas, anécdotas, vivencias ou reivindicacións, que fosen escoitadas e sen impoñerlle. Estamos moi contentos pola boa aceptación. Foi unha experiencia moi bonita e ilusionante. Nós non tiñamos experiencia no audiovisual e elas non a tiñan en poñerse diante dunha cámara. Puxemos un vídeo cada día ata o domingo, Día da Muller", conta a coordinadora desta iniciativa, Sonia Ínsua.

Raquel Armesto, de Montrove, empezou a remar aos quince anos. "Había moita desigualdade, gañouse moitísimo co tempo. Nos campionatos de España as mulleres non tiñan premio, daban o trofeo federación. Despois, os premios das mulleres eran moi inferiores, só o ano pasado se equipararon cos dos homes. A primeira vez que remaron mulleres, na Concha de San Sebastián, foi no 2008 e a primeira liga feminina en Galicia de traíñas foi en 2015, como quen di, antonte. Eu parei en 2000 e cando en 2016 unha compañeira me escribiu que querían formar unha traíña feminina pareceume incrible, e xa vamos pola cuarta tempada. Todo se pode conseguir, é lento pero estamos indo no camiño adecuado, e o xeito é estar aí, non recuar, loitar polo agora polas seguintes xeracións", conta Raquel Armesto neste audiovisual.

Nun dos vídeos tamén fala Magdalena Barreiro sobre a "barreira un pouquiño máis alta" para ela, por ter diversidade funcional ademais de ser muller. "Chámame moitísimo a atención que xente que non me coñece me mire con cara de pobriña, padece unha enfermidade... Eu non padezo ningunha enfermidade nin sufro, son alegre, positiva, teño un traballo. A xente presupón que se non tes un físico, con 1,80 de altura e guapísima ou guapísimo, xa non podes ir polo mundo no mesmo compás cos demais", conta.

Nos vídeos tamén sae unha rapaza mecánico que fala xunto á súa nai, catro mulleres que traballan en Correos en Oleiros e que narran o seu pensamento sobre o teito de cristal. Tamén aparecerán nos vindeiros días outras que traballan en sectores como a limpeza ou os coidados.

"O BNG quere darlle a palabra a mulleres do noso concello que rompen cadeas de obrigados silencios, tabús e estereotipos, que se visibilizan sen medo, mesmo en espazos e traballos tradicionalmente vetados a elas polo único feito de seren mulleres, e que así están a construír novos mundos nos que por fin poder ser libres", sinalan os nacionalistas oleirenses.