Coa pandereta diante da lareira ou tocando o sacho coa pedra, coa gaita dentro dun Seat 600, co acordeón no salón, cantando con dous bebés no colo e incluso cun instrumento moi antigo e caseiro que se percute cunhas variñas. Así cantan e tocan os membros do Grupo de Gaitas e Baile do Concello de Abegondo nun fermoso vídeo que acaban de colgar nas redes e no que alumnos e profesores versionan en galego o famoso tema que popularizou o Dúo Dinámico, Resistiré.

No vídeo participan intérpretes de todas as idades, dende nenos a maiores. Aparecen gaitas, percusión tradicional galega, cantareiras. O traballo audiovisual, que elaboraron por videoconferencia, remata coa mensaxe: "Nunca choveu que non escampara. Forza, Ánimo e moita música para todos".

A Escola de Música de Abegondo segue a traballar por vía telemática desde o inicio do estado de alarma co esforzo de docentes e alumnado para non perder o ritmo e manter o ánimo.

"Seguimos traballando durante o confinamento, dando as clases telematicamente. Na escola somos uns 400 alumnos e estamos todos os días dando clase, participan todos. Somos dez profesores e eu, o director. A verdade é que estamos as 24 horas dispoñibles. Levabamos tempo coa idea de facer este vídeo, viramos outros co tema de Resistiré, pero ningún que xuntara todo, a canción, a música tradicional galega... Fixen o arranxo musical e as partituras para todos e este é o resultado", conta Diego Moar, director da Escola de Música de Abegondo, que ademais aparece, no vídeo, tocando a gaita no seu 600.