O corpo espido dunha rapaza cos brazos alzados e o corpo domeado cara atrás, como se acabaran de dispararlle. Así é a escultura en bronce que realizou o artista malpicán Luis Couto e que dende onte está situada no novo parque público de Bastiagueiriño en Oleiros, ao borde dos cantís e coa vista de toda a ría da Coruña de fondo. Con esta peza e unha placa cos seus nomes, inaugurou onte o Concello este espazo bautizado co nome de As Trece Rosas, un homenaxe ás trece mulleres e rapazas "vilmente asasinadas polo Goberno fascista de Franco cando xa rematara a Guerra Civil", en agosto de 1939, como lembrou o alcalde, Ángel García Seoane, no seu discurso.

Ducias de persoas, entre elas o presidente da Deputación Valentín González, Formoso acudiron a este acto nun lugar que segundo recalcou o rexedor "é dende agora un recuncho de memoria, xustiza e reparación". Formoso defendeu a "aposta pola convivencia e a concordia" cada día.

Tamén estivo presente Olga Manzanero, sobriña dunha das Trece Rosas, Dionisia, que vive en A Coruña hai 38 anos. Manzanero leu un comunicado da Asociación Trece Rosas de Asturias que agradeceu esta homenaxe e tamén ela mesma dou as grazas ao Concello "polo seu compromiso". Lembrou á súa tía María, casada cun coruñés torturado pola ditadura.

Seoane apelou á xuventude, para que non esqueza a historia, sobre todo nestes intres de "rexurdimento de ideoloxías fascistas". Oleiros non esquecerá os nomes das Trece Rosas porque os escribiu na placa que tamén se colocou no parque onte. Carmen Barrero Aguardo, 20 anos; Martina Barroso García, 24 anos; Blanca Brisac Vázquez, 29 anos; Pilar Bueno Ibáñez, 27 anos; Julia Conesa Conesa, 19 anos; Adelina García Casillas, 19 anos; Elena Gil Olaya, 20 anos; Virtudes González García, 19 anos; Ana López Gallego, 21 anos; Joaquina Lópe te, 23 anos. Dionisia Manzanero Salas, 20 anos; Victoria Muñoz García, 18 anos, Luisa Rodríguez de la Fuente, 18 anos. Son os nomes das Trece Rosas.