Foi durante 36 anos bibliotecaria e arquiveira de Cambre, dende que se inaugurou en 1984 a Biblioteca Central de Cambre. Traballou soa na primeira etapa e nos últimos anos, á fronte dun equipo integrado por oito traballadoras, "todas mulleres", comenta. Agora, unha iniciativa xurdida dos clubes de lectores das bibliotecas e apoiada por 17 exconcelleiros de diversos partidos propón dar á nova biblioteca cambresa o seu nombre: Ángeles Roca. "Grazas, grazas, grazas!", responde.

Xubilouse en marzo, así que xa non chegou a traballar na biblioteca nova, recén aberta.

Traballei, pero a porta pechada. Ata que me xubilei e antes collín vacacións pendentes, traballei dende que o 30 de decembro se pechou a biblioteca que compartía edificio co centro de saúde. É positiva esa mestura.

Si? Por que?

Moi positiva, porque houbo sempre moi boa sintonía entre o centro de saúde e a biblioteca, que estaba no primeiro piso, e había unha retroalimentación porque a xente que ía polas mañás ao pediatra con nenos aproveitaba e collíalles libros para os netos ou fillos. A día de hoxe, co virus, sería incompatible, pero como estivemos ata 30 decembro de 2019, foi sempre moi fructífero, a verdade.

Non lle gusta o cambio?

Si, o cambio foi de traballo grande a porta pechada ata que collín vacacións e a xublación. O cambio si que me gusta porque foi a mellor... tiñamos 300 metros cadrados e pasouse a máis de 500 co cal, claro que si. Iso non quita que me deu pena no seu momento deixar aquilo, porque foron moitos anos da miña vida, da miña vida laboral. Unha vez que ves alí todo baleiro, estanterías baleiras? chega a formar parte de ti, queiras ou non. Eu procurei traballar o mellor que souben, con moita ilusión e poñéndolle moito entusiasmo e cariño, e poder contaxiar o gusto polo libro e a lectura foi sempre a miña preocupación.

Conseguiuno?

Pois nunha xente conseguino, noutra non tanto, pero si estou satisfeita, porque coa actividade do Moucho Leroucho si que se fixeron moitos lectores, eh?

Si?

Si, porque é unha actividade que empezou no 1994, coa inauguración da segunda biblioteca, a dos Templarios, e aí deuse a coñecer.

Esa iniciativa gañou algún premio nacional.

En 13 ocasións de 17 que nos presentamos estivo seleccionada nos premios María Moliner, a nivel nacional. E en 2002 levamos o terceiro premio, que eran 6.000 euros. Despois, en 2005, tivo unha mención especial, aparte de que nos mandaban 300 libros; en 2007, outra; en 2009 quedou finalista... así ata seleccionado 13 veces e premiado con lotes de libros. Quería reseñar que en todas as actividades que teñen as bibliotecas de Cambre un dos fortes foi que sempre tivemos presente a familia, a escola e a biblioteca. Os nenos ían acompañados ás actividades e as familias participaban e ata facían de personaxes e o Moucho Leroucho ía tamén ás escolas tres veces ao ano. As actividades foron una maneira de achegar aos adultos á biblioteca, a través dos nenos. Foi unha actividade de ligar esas tres pezar fundamentais do libro e a lectura: familia,escola e biblioteca.

Son máis difíciles de captar os adultos que os nenos?

Claro, son máis difíciles de captar os adultos porque, non agora, pero hai anos, moitos dos adultos non sabían o que era unha biblioteca nin ían á biblioteca. A moitos nin se lles tivera ocorrido pisar unha biblioteca se non foran avós que ían cos netos porque os coidan, entón chegan e din: "Ah, pero eu tamén me podo facer socio? E igual tedes libros de cociña, ou esta novela..."

Que era o máis pedido? Coinciden moito nas demandas?

O máis pedido, loxicamente, en épocas do curso, son os libros de lectura obligatoria.

E aparte diso?

Os adultos, loxicamente, piden moito en xeral os libros que están publicitados dunha maneira máis salientable, os best sellers. Todos sabemos novelas que foron abrumadoramente lidas, que non merecen nin ser nomeadas. E tamén hai listas de espera grandes cando sacan libro Pérez-Reverte ou Murakami. Despois, afortunadamente, tamén hai a lectura máis minoritaria, de editoriais que son literatura con maiúscula pero non está tan best seller, e en infantil, a verdade, hai os clásicos contemporáneos e os clásicos universais, e moito álbum ilustrado, que eu persoalmente a nivel profesional estiven moi involucrada coa literatura infantil e xuvenil. Volqueime moito na miña profesión en que houbera un fondo ben estudado e de calidade, tanto a nivel literario como plástico, de literatura infantil. Penso que é fundamental empezar a lectura cos pequenos e actuar de mediadores cos papás e mamás tratando de aconsellar.

Destacan algúns cambreses por moi lectores ou moi usuarios?

Ata este último ano, e vaise retomar, tiñamos os premios Supermoucho, aos vinte ou vinte e algo máis lectores de cada biblioteca, e dábanlles un diploma personalizado e coa imaxe do Moucho.

Algún chamaba a atención?

Sempre hai nenos que len douscentos e pico libros ao ano. Falamos de literatura infantil e de literatura de libros tutelados, que os len cos pais, pero bueno? Sempre hai xente que le moito e outra que vai ler o periódico. Moita xente maior, usuarios activos, que van ler o periódico todos os días, toman os seus vasos de auga e pasan alí o rato, dan un paseo. Nas bibliotecas, lóxicamente, houbo un cambio moi fondo dende os anos 80 ata agora. En Cambre non se coñecía, non había costume de ir ás bibliotecas en xeral. Supuxo para a xuventude nos 80 o único lugar de reunión que había, o centro sociocultural, de xogos, de xadrez, de reunións de amigos, de fumar os pitillos na porta... toda a tarde. E o centro onde ían facer os traballos escolares, porque non había moitas familias que podían dispoñer de enciclopedia na casa e Google non había. Todo foi evolucionado, hoxe xa non hai aquelas consultas masivas de mesas cheas de enciclopedias.

Algunha anécdota graciosa?

Os primeiros anos a xente subía a preguntar si era alí o médico.