A un lado, “fiadas de bois e cuxos, Casa Porto”. “Postos a un lado e a outro” da carreira”, con “produtos da horta, panos, apeiros, tecidos, calzado e pan cocido”. “Por detrás, os porcos. Contra a casa da Farmacia, o gando miúdo: galiñas, coellos, ovos... É o campo, o centro deste mundo. A feira”. Esta estampa poboaba dúas veces ao mes o centro do Cambre de hai cincuenta anos, como amosa unha peza audiovisual impulsada polo Golfo Ártabro Sur na súa serie Son do Mar II, na que recupera o patrimonio e a cultura material e inmaterial dos concellos que abrangue: A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo Oleiros e Sada.

Imaxes da feira de Cambre, hai 50 anos

A peza que viaxa á feira cambresa de hai medio século amosa imaxes do centro da capital na actualidade e fotografías da época que se expón. Decenas de veciños con gando vacún, mulleres que atenden postos de venta e levan grandes cestos na cabeza ou dous músicos tocando retratan o pasado cambrés.

Imaxes da feira cambresa, hai medio século.

Boa parte do traballo audiovisual recrea unha conversa nun camiño rumbo á feira entre varios veciños. Engracia, vestida “ben composta” para a ocasión, propón facer unha parada para coller folgos, pese a que sexa algo tarde, xa que o seu home marchou a noite antes para a feira, polo que ela non ten presa. A súa filla Leonor, adolescente, trata de agochar as ansias por chegar e ver ao rapaz co que mocea. Aparecen Salvador e Perpetua, que van comprar apeiros de traballo e, se cadra, comer o polbo. Águeda, xa de volta, conta que vendeu todas as sardiñas e xurelos que trouxera, no tren, dende A Coruña. Á impaciencia de Leonor, Salvador afirma: “Para mocear a feira dura todo o día, e para os tratos tamén”.