“Nos datos do marqués da Ensenada, recabados en 1752, falábase de nove panadeiros na zona do Val de Barcia, persoas que vendían pan, e desas nove, seis eran mulleres”, explica o técnico de Cultura do Concello de Carral, Carlos Lorenzo. Estas traballadoras, determinantes para cocer o éxito do que hoxe é o produto estrela carralés, terán o seu recoñecemento público: os veciños escolleron o nome de As Panadeiras para bautizar un lugar público do municipio, como unha rúa ou unha praza, dentro dun proceso participativo impulsado polo Concello dentro da conmemoración do Día da Muller.

Rosalía Naveira, nos anos 40.

Das seis mulleres que se identifican como panadeiras da zona de Carral xa a mediados do século XVIII, algunhas aparecen referenciadas a través dos seus homes, pese a ser elas quenes se encargaban do pan. “É curioso que hai dúas das que cita os nomes dos maridos pero porque as súas mulleres venden pan. Ás outras xa as cita directamente a elas”, sinala Lorenzo. As mulleres predominaban nos albores do sector, como recollen os datos de 1752, cando comezou a consolidarse a “tradición panadeira de Carral, que viña pola riqueza do Val de Barcia, onde se sementaba bastante trigo”, conta o técnico de Cultura. “Nos datos do marqués da Ensenada xa se falaba de 25 muíños na zona que muían cereal. E xa daquela se falaba dunha crise de pan na Coruña, que non tiña pan moi bo, polo que se levaba á cidade dende Carral, Betanzos e Bergantiños”, engade.

Carmen Rapela, en 1955

O oficio mudou co tempo, e sempre con gran presenza das mulleres ao pé do forno e á fronte dos repartos. Nos anos 40 e 50 do pasado século “recolléronse uns datos do tema agrícola nos que se falaba de dez muíños e tres fornos que facían para vender, ademais dos que había comunitarios, nos que tamén cocían panadeiros que vendían”, precisa o técnico. “As mulleres encargábanse e eran un pouco a referencia tanto no facer como no reparto, que é curioso porque eran tarefas duras: saír de noite, con cabalos, mulas ou así, todo arredor, ata onde chegaran”, asegura Lorenzo. “Nesa época xa falan de que se espallou o pan de Carral cara a zona de Santiago”, apunta.

Vendedoras de pan na feira, no 1966.

As fotografías dan testemuña da importancia das mulleres no oficio. “As fotos que temos de recopilación de imaxes antigas, a maioría son de mulleres no reparto ou nalgún caso vendendo pan nas feiras. Era un traballo como máis feminizado”, sinala. “Agora, mesmo se visualiza máis como traballo máis duro o do forno, o dos homes, e as mulleres máis labor de despacho. Pero, daquela, polo visto, si facían tamén traballo de forno as mulleres”, explica o técnico.

A achega económica que supuña a venta de pan á economía familiar, se cadra, non representaba o sustento primordial. “Non sei se era a fonte principal de ingresos, se cadra era un ingreso complementario ao principal do home, que podía traballar as terras, que tamén traballaban as mulleres. Repartir pan, uns bolos de pan que podían levarse a cabalo na mañá non dá para moito, non son moitos bolos, non é como agora un reparto nunha furgoneta”, observa Lorenzo. “Era máis artesanal en todos os sentidos”, afirma.

“Agora hai moitas mulleres en despachos. O home, máis na labor de formar ou amasar, aínda que tamén hai mulleres, só que se visualiza máis ao home agora que naqueles tempos”, conclúe.