“Abril fixo xurdir rosas vermellas/ toxos arnais e estripos feridores. /É tempo de gadañas e de rellas, /de seiturar a traizón, os traidores”. Chamou así á “ira, a rebelión, o inconformismo” Manuel María no seu poema É xa tempo de erguer a Liberdade, parte da obra teatral Abril de lume e ferro (1974), que se inspirou no alzamento liberal de 1846 e no fusilamento, o 26 de abril, dos que deron en chamarse os Mártires de Carral. Alumnos dos centros de ensino carraleses realizaron onte unha lectura colectiva do poema na homenaxe que, un ano máis, rendiron a Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro e o Concello de Carral á sublevación contra o goberno de Narváez liderada polo coronel Miguel Solís.

A homenaxe comezou na Casa do Concello e dirixiuse despois á praza da Capela, onde os rapaces recitaron a Manuel María. A continuación, realizouse a tradicional ofrenda floral diante do panteón que homenaxea aos Mártires.

Durante a súa intervención, o alcalde de Carral, Javier Gestal, referiuse aos feitos acaecidos hai 175 anos como “algo que nunca debeu ocorrer”. O rexedor adicou tamén unhas palabras a lembrar ao historiador e expresidente da Academia Galega Xosé Ramón Barreiro, recentemente finado: “Foi quen mellor investigou e divulgou o acontecido naquela revolución de 1846 e que rematou aquí en Carral co fusilamento de 12 oficiais liderados por Miguel Solís”.