Fóisenos Alfredo Novoa Gil, unha das persoas máis relevantes do Concello de Oleiros. Un home que dedicou máis de 20 anos da súa vida a traballar polo progreso no noso municipio. Un compañeiro honesto, capaz e un gran conversador.

Coñecido como o home dos pactos ou o pacificador pola súa capacidade de diálogo e entendemento, Alfredo era ante todo unha persoa fiel e comprometida cos ideais de Alternativa dos Veciños. Un político senlleiro que contribuíu de xeito destacado a desenvolver o noso singular modelo político e social. Nunca lle importaron os horarios nin o tempo que dedicaba ao municipio.

Cando entrou no Goberno municipal, no ano 1987, xa levaba un longo camiño andado como líder sindical a través da súa militancia en Comisións Obreiras. Nos distintos gobernos de Alternativa dos que formou parte desempeñou un impecable traballo en distintas áreas municipais, destacando no ámbito da cooperación internacional, unha das súas grandes vocacións, chegando a ser presidente do Fondo Galego de Cooperación Internacional durante 15 anos.

Foi vicepresidente de Alternativa dos Veciños durante moitos anos e na actualidade era o presidente de honra do noso partido.

En Nós, onde vivía, Alfredo quedará inmortalizado coa rúa que leva o seu nome. Un vial que conduce a un colexio público e a un gran parque municipal de 30.000 metros, e que está escoltado por dous grandes loitadores: Salvador Allende e Alexandre Bóveda. Farían falta moitos Alfredos para evitar grande parte dos males da política actual.

Grazas por tanto, amigo. Que a terra che sexa leve compañeiro!