Unha veciña de Teixeiro revolucionou a rede coa súa mensaxe sobre o risco para o rural galego do aluvión de proxectos eólicos. Porque “quen vai querer vivir dentro dun parque eólico?”, pregúntase Letidataberna nun  vídeo viral na rede social Tiktok no que solicita axuda cidadá para frear os parques que promove Endesa na comarca da montaña, os denominados Caíño e Brancellao, que suman 58 muíños. A petición recibiu xa máis de 30.000 mensaxes. E os apoios non cesan.

No vídeo, que viralizou nun chiscar de ollos, resume o malestar, a preocupación e a impotencia de milleiros de veciños da comarca betanceira perdidos da maraña eólica, na avalancha de proxectos que trastocaron desde hai un ano as vida nas súas aldeas :  “Detrás da miña palleira pretenden mangar un eólico de douscentos metros de altura, pero eu non estou aquí porque me afecte a min, nos afecta a todos, é malo para a saúde, a biodiversidade, a paisaxe…. E sabedes porque veñen a poñer esto aquí? Pola despoboación e porque o terreo é moi barato. E sabedes que van a conseguir con esto? Pois que aínda haxa máis despoboación, porque xa me diredes vós quen vai querer vivir dentro dun parque eólico, con ese zumbido e esas sombras todo o día?”, pregúntase esta rapaza, que ten máis de 26.000 seguidores en Tiktok.

Esta veciña tira de retranca e lembra que Galicia produce moita máis enerxía da que consume e que os proxectos eólicos que crecen como cogomelos na Reserva da Biosfera As Mariñas Terras do Mandeo os promoven “as catro macroempresas de sempre”: “Endesa, Naturgy, Iberdrola, Repsol… Esas que tamén son as culpables de que non poidamos pagar a luz e o combustible”, ironiza.

“Pídovos a vosa colaboración porque mentres que as empresas levan máis de dous anos planeando estes proxectos, nós temos trinta días para paralizalos. E quen os pode paralizar? Nós, os cidadáns, os mesmos que despois non podemos pagar a factura da luz nin do combustible nin nada. Hoxe por nós, mañá por vos”, pide Letidataberna, que resume en dúas frases as demandas dos afectados: “Enerxías renovables? Si. Eólicos? Si, pero así non”.