E ao terceiro ano, Veiga resucitou o Entroido con éxito

Veciños de Culleredo, Arteixo ou A Coruña bailan con Los Satélites e oen o Testamento

“Esta xente si que me trata ben, que me leva ás voladoras e a cazar!”, aseguraba o rei emérito, bautizado para a ocasión como Rei de Copas, sobre os xeques árabes que o acompañaron este luns ate o campo no que se celebraba o tradicional Entroido de Veiga, o primeiro tras tres anos de paro pola pandemia. “Está o meu fillo Felipe aí, pero xa non o chamo, que ate dá vergoña”, apuntou Xoán Carlos, vestido con traxe militar. “Agora apadriñamos ao seu neto Froilán”, contou un dos xeques, que vestían todos de branco. “Si, é o único que saíu da raza”, celebrou seu avó, ao pé do palco da orquestra. Chegou entón pola súa beira Jesús o da Estrella, que atravesou a súa paixón cargado cunha cruz de caixas de cervexa. Outro xeque tomou o megáfono para saudalo cun cántico: “Protégeme, señor, con tu espíritu”. E Veiga racha en risadas ante esa conxunción do poder monárquico, militar e relixioso.

‘Jesús o da Estrella’, á súa chegada á festa do Entroido de Veiga.   | // CARLOS PARDELLAS

‘A poza dos parrulos’, este luns, no Entroido de Veiga. / CARLOS PARDELLAS

A sesión vermú arrincou cun tema instrumental no que luciron os músicos de Los Satélites. O campo da festa estaba xa cheo de osos, cociñeiros, policías, abellas, unha pequena aguia, unha novísima Spiderman e ate o grupo A Poza dos Parrulos, unha versión de O Lago dos Cisnes chegada dende Arteixo que encheu de cor os branquísimos traxes orixinais de ballet e transformou a barra metálica de estiramentos nunha longa barra con salchichón.

“En Arteixo fan un Carnaval moi aburrido”, explicou a parrula Mari Carmen Martínez, da asociación Melandrainas. Tamén dende Arteixo, do Rañal, viña unha familia de pallasos. E da Coruña se desprazaran Ana Campelo, profesora de danza fitness en Celas, e unha amiga.

‘O Rei de Copas’, co seu fillo, os xeques e amigos.   | // CARLOS PARDELLAS

‘O Rei de Copas’, co seu fillo, os xeques e amigos. / CARLOS PARDELLAS

O Rei de Copas, Jesús o da Estrella e Os Coches Chocóns resultaron gañadores do concurso. O tradicional Testamento repasou temas de actualidade, como as demoras do Concello en dar licencias ou a pandemia, e a comida popular puxo o broche á xornada.