Ricardo Seixo | Poeta

“A poesía ten que ser unha arma para a revolución, ou non ten sentido”

“A sociedade sería mellor se lese máis de todo, se se comprometese, ese é o meu obxectivo ao escribir”

Ricardo Seixo.   | // L.O.

Ricardo Seixo. | // L.O. / Marta Villar

Ricardo Seixo (Curtis, 1950) está xubilado como mestre pero mantense activo como guerrilleiro do verso, irredutible na loita para conseguir un mundo mellor a través da literatura comprometida, da igualdade, do feminismo e do ecoloxismo. Mañá xoves 20 de abril este escritor e estudoso da música tradicional galega que ten un grupo coas súas fillas presenta o seu sexto poemario, Pousos de natureza, no teatro As Torres de Santa Cruz de Oleiros, nun acto organizado pola Asociación Cultural Vieiros.

Ten dito que escribir poesía é un acto de liberdade e case de heroísmo, e máis en galego. Pois vostede leva seis poemarios.

Máis que publicar poesía, o difícil é vivir só dela, e en galego imposible, aínda que teño compañeiros e compañeiras que o fan, que son valentes e heroes.

A sociedade sería mellor se lese máis poesía?

A sociedade sería mellor se lese máis de todo, poesía, narrativa, ensaio... Que as persoas se comprometesen coa sociedade do momento axudaría a mellorala, a unha reflexión colectiva, ese é o meu obxectivo ao escribir. Estamos nun modelo de sociedade que nos individualiza cada vez máis. En crise económica e en pandemia somos moi solidarios pero cando se supera iso parece que xa podes pisarlle a cabeza ao veciño. E vemos que hai cada vez máis violencia.

A poesía, a canción, comprometidas, non están de moda.

Hai anos había unha chea de cantautores de temática social e tiñan relevancia pero iso desapareceu nos medios, o propio sistema fai que a xente non pense por si mesma, non se fomenta o espíritu crítico e esixente das persoas. Cada día é máis importante o individual que o colectivo, pero hai outra sociedade posible que empeza por nós, pola veciñanza, por comprometernos cada un de nós.

Quere rebelarse contra a actual sociedade a través da poesía, usala como arma?

Hai que rebelarse, traballar todos nesa dirección, a poesía como arma para arevolución. Ou é iso ou non ten sentido. Eu non sei facer escrita doutro xeito, e téñoo intentado.

Poemas da Natureza xira sobre o tema da natureza, o ecoloxismo, tamén outro compromiso. Pero tamén ten poemarios centrados no amor e outros no erotismo.

Neste último poemario falo das árbores e os animais, da seca, dos incendios nos montes, e como avanza a xustiza do formigón. Noutro libro anterior, A república da intimidade, recolle poemas eróticos,son a xoia da coroa. É outro enorme compromiso, o erotismo como algo para camiñar cara a liberdade. E estou moi contento co resultado porque o libro xa está esgotado.

Gústame especialmente a súa obra feminista sen contemplacións. Cando di: “Se a palabra, a razón/ o respecto non son quen/ de manexaren a libido,/poida que a castración/ axude a construír/ espazos de liberdade”.

Preocúpame enormemente a situación da muller, sempre me terán aí para o que precisen. Son feminista a morte. Temos que facer outro tipo de esforzos porque non chega con xuntarse nunha concentración no Obelisco ou facer un minuto de silencio, hai que facer un cambio na educación, dende Infantil, e nos fogares. O camiño é moi difícil e moi lento.

Tamén estuda a música tradicional galega e formou parte de varios grupos. Poesía e música van da man?

Son indisolubles. Eu fago poemas, haikus e textos para cancións, como agora. A música ten que estar tamén ao servizo da sociedade, da cidadanía, non dicir que todo é bonito, non dicir que non hai solución.

Ten un grupo de música coas súas fillas, é un grupo familiar. Non é moi habitual.

Dimo moita xente, que lles parece incrible. A min paréceme o natural. Eu creei varios grupos de música e despois propúxenllo a elas e fixemos Maraxe, e están encantadas. Ensaiamos os martes. Na presentación en Oleiros teremos tamén unha actuación. É moi gratificante para elas e para min.