Xosé Lois Romero | Músico e compositor que actuará hoxe en Santa Cruz con Aliboria

“Este é un momento marabilloso, porque o folclore está máis vivo que nunca na xente”

“Creo que o que nos diferenza como grupo é o minimalismo instrumental e a forza que teñen os nosos directos, que en certo modo non é algo habitual nas bandas de folk”

Xosé Lois Romero no estudo de gravación.   | // LA OPINIÓN

Xosé Lois Romero no estudo de gravación. | // LA OPINIÓN

Adrián G. Seoane

Xosé Lois Romero (Oleiros, 1970) actuará hoxe coa súa banda Aliboria nas festas de Santa Cruz ás 21.00 horas. Romero trae unha proposta musical baseada enteiramente na voz e a percusión tradicional que bebe de moitas fontes: a música de raíz galega, o indixenismo latinoamericano ou os ritmos do continente africano son algúns dos elementos que se poden atopar neste singular proxecto que busca reiventar a música tradicional. Logo de dous discos de estudo, o último deles publicado en 2020, Xosé Lois Romero e Aliboria están preparando un novo traballo discográfico que vera a luz o ano que vén.

Que proposta musical presentará en Santa Cruz?

Xosé Lois Romero e Aliboria ten unha proposta bastante clara: é un proxecto de seis voces femininas e percusión tradicional e, salvo moi poucas excepcións, os nosos concertos son sen ningún tipo de instrumento harmónico.

Que elementos cre que os distingue doutros grupos tradicionais?

De partida, nós non somos un grupo tradicional. Utilizamos instrumentos tradicionais, pero o que facemos é música contemporánea. De feito, a gran maioría do noso reperorio son composicións miñas ou arranxos doutros artistas. Si que é certo que o primeiro disco é de música tradicional, pero o resto do noso traballo son composicións propias. Eu creo que o que nos diferenza como grupo é o minimalismo instrumental e a forza que teñen os nosos directos, que en certo modo no é algo habitual nas bandas de folk.

Que foi o que o levou a crear Aliboria?

Aínda que gran parte da miña actividade como músico foi como acordeonista, eu por vocación son percusionista e tiña a espiña clavada de poder crear un proxecto que desenvolvera as posibilidades da percusión tradicional. Xurdiume a oportunidade de facelo ao atoparme coa xente de Aliboria, que nun principio ían a clases comigo, pero pouco a pouco foise convertendo nun proxecto musical en si mesmo. Posiblemente este é o meu proxecto máis persoal.

Como ve a situación da música tradicional en Galicia? Goza de boa saúde?

Creo que estamos nun momento curioso no cal os proxectos musicais punteiros son moi poucos comparados con anos anteriores. Parece que hai unha especie de eiva, que faltan grupos referenciais que teñan repercusión pública. Pero, por outra banda, creo que o folclore como ben colectivo e popular está mellor que nunca. Nunca antes houbo tantísima xente que toca, canta e baila en calquer momento para celebrar o evento que sexa. Creo que iso é o que lle da máis saúde ao folclore, independentemente de que haxa grupos punteiros ou non. Por un lado, hai una especie de crise creativa de grupos e proxectos musicais pero, polo outro, é un momento marabilloso, porque o folclore está máis vivo que nunca na xente.

Ten en mente algún proxecto discográfico futuro?

Si, estamos traballando nel, aínda que non temos presa por sacalo. Este ano foi moi bo, con bastantes concertos, e estamos presentando neles temas novos pouco a pouco, como La leyenda del tiempo, que é o último que publicamos. O disco está en camiño e quizáis o ano que vén o saquemos. Aínda que casi prefiro non dar datas, estamos traballando sempre.

Suscríbete para seguir leyendo