Lucía Catoira Pan | Directora de Fotografía, catro premios Mestre Mateo

“A pre-rodaxe é fundamental nunha película”

Esta profesional do audiovisual de Cambre acaba de ser recoñecida por ‘Matria’

Lucía Catoria Pan, cun premio Mestre Mateo

Lucía Catoria Pan, cun premio Mestre Mateo

A película Matria de Álvaro Gago, xunto con O Corno, foron as grandes gañadoras dos XXII Premios Mestre Mateo do audiovisual galego entregados o pasado mes de marzo. Pero tamén lle outorgou á cambresa Lucía C. Pan (como asina), o seu cuarto galardón como mellor directora de fotografía. Consolida así unha traxectoria de éxito que ademais a convirte nun referente para moitas outras mulleres, logo de ter sido a primeira que gaña o certame nesta categoría tan asociada ao xénero masculino. Catoira, con traballos en películas, curtametraxes, series e publicidade, leva participado en preto de trinta obras audiovisuais, cunha colleita que ademais dos Mestre Mateo inclúe outros recoñecementos coma o Premio Mulleres no Foco ou o Chano Piñeiro en 2022. Estudou Belas Artes en Vigo e especializouse en fotografía cinematográfica pola Escola de Cine de Catalunya.

Parabéns polo galardón, o cuarto. Vese coma un referente para as mulleres, por ter sido a primeira en gañar un Mestre Mateo en dirección de fotografía?

Grazas. Supoño que é importante ver que é unha saída que poden ter en conta, espero que si.

Unha directora de fotografía pode vivir do oficio en Galicia?

No meu caso, e agora, si, vivo decentemente. Pero durante moitos anos non foi así, incluso despois de recibir o primeiro premio, era un traballo de supervivencia. É preciso facerse un nome. E é complicado entrar na roda. A min levoume nove anos, tiven que compaxinar isto con outros traballos. Tamén fixen cousas puramente alimenticias, pero era preciso darse a coñecer e necesitaba rodaxe, para que as produtoras confiasen en min. É certo que o traballo audiovisual é moi inestable, un ano traballas moito e outro non tanto. Pasa máis por exemplo cos actores, os técnicos temos máis continuidade.

O público quédase co nome do director ou directora, e o elenco, pero case sempre pasa desapercibida a persoa que se encarga da dirección da fotografía. Cre que non se valora suficientemente?

Dentro do noso sector si está valorado, saben o peso que ten a dirección de fotografía na rodaxe, e os actores tamén o saben. Respecto ao público, non sei ata que punto a xente é consciente dos postos que hai nunha rodaxe. Non son conscientes do traballo que hai detrás, desdebúxase. Pero creo que si valoran a imaxe e a experiencia que teñen ao ver a película, aínda que non sexan conscientes do traballo que hai detrás. Para iso están estes premios, coma os Mestre Mateo, para difundir e dar a coñecer os oficios que están máis agochados, os traballos técnicos.

A persoa que dirixe unha película está en todo momento en contacto coa que leva a fotografía, e non se empeza a rodaxe ata que ten a luz, a atmosfera, todo o que se busca.

Sobre todo hai moitas conversas co director ou directora, para saber que busca, aínda que hainos que están máis á marxe, con outros pactas máis. Con Álvaro en Matria, por exemplo houbo un pacto, indicoume por onde ir. Xa traballara con el hai tempo polo que coñecía a luz, os movementos de cámara, as texturas e cores que lle interesan.Fomos conversando e definindo. O que máis facemos é falar.

A ‘textura’ de ‘Matria’ é moi concreta, transmite moito.

Sobre todo fala de sensacións. De humidade, de frío, era o que se quería transmitir, e contrastando coa calidez da casa do señor Xosé. Estas cousas ímolas marcando na pre-produción.

Entendo que canto máis diálogo entre dirección e fotografía, mellor será a película.

Que haxa moito diálogo é fundamental. Pero tamén é certo que hai películas míticas nas que non houbo así que non sei ata que punto en todos os casos. Si é certo que moito do que pasa na rodaxe ven influído pola pre-rodaxe. Por iso é tan fundamental a pre-rodaxe.

O cinema galego semella estar en moi bo momento.

Está nun bo momento, pero no cinema global, as plataformas ocupan moitísimo espazo e as series medran moito. Aínda que está a acadar éxitos e estamos orgullosos e esperanzados.

As plataformas agora son outro nicho de traballo moi importante, sobre todo as series.

Si, por suposto. A min gústame máis o formato do cine porque me gustan máis os equipos e non desgastan tanto coma as series.

Podemos saber en que traballa agora?

Si. Agora mesmo estou coa rodaxe da longametraxe San Simón, dirixida por Miguel Ángel Delgado, sobre o cárcere que había nesa illa durante o franquismo, coas produtoras Morelli e Miramemira

O cine é unha paixón?

Son moi cinéfila. Vexo practicamente todos os xéneros. Meu pai era moi afecionado, traía películas do videoclub e viámolas xuntos.

Suscríbete para seguir leyendo