Hai xa 17 anos que Santiago Cruz dirixe a confraría de Noia. Nestes próximos catro anos Cruz ten a intención de crear un laboratorio para analizar a auga e comprobar que non ten toxina. Para lograr tan bos resultados nas campañas, Cruz insiste en que o importante é traballar continuamente para manter os bancos marisqueiros en perfecto estado, ademais de ter vixilantes día e noite para evitar que a acción dos furtivos desfaga a súa labor.

- Leva dende o 2001 ao fronte da confraría, que fixo que se volvera a presentar?

-O apoio dos mariscadores, unha maioría querían que me presentara para seguir coa mesma xestión que estamos levando. Hai 17 anos cando collemos a confraría estaba fatal, toda arruinada e con débedas e coa xestión que estamos levando e o servizo que lle damos aos socios, hai boas campañas, estanse coidando os bancos, cambiou o rumbo. Anima a confianza, pero o posto tamén queima porque sempre tes que estar preocupado polas cousas e somos un sector moi grande.

- O trazo característico do seu mandato é a xestión?

-Si. Dende que estamos nós nunca houbo tan boas campañas. O ano pasado fixemos 19,7 millóns de euros. Este ano xa vamos polos 15,6 millóns e igual nos aproximamos á anterior, que son campañas de récord. Tivemos moitas tempadas nas que facturamos 11 millóns, que é tamén unha boa cifra. Estamos coidando os bancos, pero a meteoroloxía tamén axuda e este ano a toxina respectounos e as riadas tamén. Coidamos a praia para quitar depredadores do marisco, a vixiamos, árase para osixenar o terreo e despois está o tempo. Son dúas cousas fundamentais.

- Cal é a situación económica da confraría?

-Moi boa. Xa se pagaron todas as débedas e hai bastantes cartos na conta, temos beneficios. Como nós dicimos está a flote, moi ben. Agora dámoslles un servizo aos socios que antes non había. Por exemplo, antes ás mariscadoras de a pé non se lles traía o marisco desde a praia, que está a case un quilómetro da lonxa, e agora transportase o produto en tractores e en lanchas. Hai operarios ao seu servizo e carritos nas ramplas para levar o marisco.

- Hai algún truco para xestionar a confraría máis grande da comunidade galega?

-Non hai truco nin segredo, o que hai é que facer o labor durante todo o ano. E despois vivilo. Durante a campaña tes que vixiar para que non leven berberecho pequeno nin ameixa. Hai un control, para o que temos 14 vixiantes. Realizamos unha vixilancia estrita de noite e de día. Unha vez que finaliza a campaña en marzo, os directivos, a bióloga e o equipo traballamos eses seis meses de parón coidando os bancos marisqueiros como se fosen unha leira: quitamos depredadores que comen o bivalvo, osixenamos o terreo con arados para que filtre mellor á larva e quitamos as algas que tamén asfixian ao marisco, para iso temos unha embarcación grande que compramos e fixemos un rastro nós para que non danara ao bivalvo e solo recollera a alga.

- O marisqueo é a principal actividade da confraría, non hai problemas co furtivismo?

-Moi poucos. Polas noites sempre temos seis vixilantes, e de día outros tantos. Tivemos algúns anos atrás, pero os furtivos disolvéronse e incluso algúns están mariscando. Falamos con eles tras unha redada na que os pillamos e acabaron integrándose na confraría. Hai algúns anos si había algún problema máis, pero como sempre os pillábamos viron que non tiñan futuro actuando coma furtivos e algúns optaron por asociarse ao pósito.

- Que problemas afronta a confraría?

-A única preocupación que temos, e penso que é algo que lle pasa a outras confrarías porque o falamos na federación, está relacionada cos vertidos que van dar ás rías e aos ríos. Ese é o maior problema que hai agora na ría. Tiña que haber moitos menos vertidos. Augas de Galicia saben onde están pero deberían ter máis man dura con eses puntos negros e intentar resolver cantos máis mellor. É unha materia pendente de tódolas colores políticas, tiñan que preocuparse máis por estes vertidos.

- Como establecen a duración das campañas?

-Nós mandamos un plan de explotación. A bióloga fai mostraxes durante cada campaña e ao final para ver a cría que quedou e despois mándallo á Consellería do Mar. Ela fai o plan de explotación, no que participan o cabildo da entidade e a agrupación a pé. Normalmente realízanse as campañas de setembro a marzo. Mandámoslle o plan á consellería, alí o miran e igual modifican pequenas cousas. Nós poñemos os topes e todo. Aquí sempre se traballou de outubro a marzo, ían máis ao boom. Agora nós incluímos setembro polo tema das toxinas e porque se nota un pouco o cambio climático. No verán non faenamos porque é a veda biolóxica, cando desova o marisco

- En setembro inauguraron a marca Berberecho de Noia , que resultados está obtendo?

-A directiva plantexou esta iniciativa fai uns anos para darlle un auxe ao berberecho, un valor engadido e dalo a coñecer en toda España. O secretario da confraría foi a Bruxelas, a Madrid, a Barcelona a mostralo en feiras. Estes anos estivémolo promocionando moito. As conserveiras que están ligadas ao selo de calidade, que agora son sete e hai bastantes peticións para unirse, xa nos din que en toda España están pedindo berberecho de Noia. Poñen o logotipo nas latas, o que lle dá tamén máis visibilidade. Iso é un valor engadido moi importante porque se lle dá visibilidade e recoñecemento ao produto.

- Ten pensado algún proxecto para estes catro anos?

-Seguir impulsando e traballando no selo de calidade do berberecho. Tamén temos outro tema pendente. Queríamos facer un laboratorio aquí nun edificio que temos, a ver se no GALP (Grupos de Acción Local o Sector Pesqueiro). É unha inversión bastante grande pero que nos axudaría para analizar as augas polo tema das toxinas porque así estás menos preocupado porque as poderías analizar o fin de semana e nas zonas que queiras. Somos unha das confrarías que máis analizamos o berberecho porque déronse casos anos atrás de perder 300.000 euros por comercializar produto con toxina. Contratamos a unha empresa de Vigo par analizar as toxinas e a unha muller do Grove, Antonia, que o fai o fin de semana para ir tranquilos ao mar os luns

- Hai listas de espera para entrar a formar parte da confraría?

-O ano pasado habilitamos 52 prazas de marisqueo a pé. Este ano vamos a tirar de lista, das persoas que quedaron na reserva, para cubrir 18 prazas neste segmento. Así como se van xubilando os traballadores cóbrense os postos.