Opinión | Algo que declarar

Un ano de guerra

Un ano despois do comezo da invasión rusa, a Guerra en Ucraína semella máis preto da súa mundialización que da resolución pola vía diplomática. Ningún dos bandos en litixio cumpriu as súas expectativas a tal hora: nin está a ser o paseo militar que predicía Putin, nin tampouco as sancións occidentais foron quen de illar Rusia na escena internacional, moi ao contrario, a guerra está servindo para consolidar e artellar un novo bloque contrahexemónico, o dos antigos BRICS, hoxe ampliado ao Sur global.

Xorde a dúbida sobre se Occidente pode aceptar unha proposta de paz para Ucraína que non sexa a redactada nos seus propios termos e que inclúe, nalgúns casos, unha tentativa de converter Rusia nunha sorte de protectorado. Neste sentido, asombra ler o argumentario co que foi refugado o plan de paz chinés polos diversos medios occidentais. Dísenos que China carece de lexitimidade para mediar na guerra dada a súa posición de neutralidade, algo inaudito, e pola previsión de que, no futuro, poidan enviar armas ao bando ruso, unha acusación da que son culpables os mesmos que a formulan. O contido da proposta de paz chinés parte da necesidade do recoñecemento á independencia e integridade territorial dos ucraínos, unha esixencia que non semella doada de aceptar para o Kremlin agora mesmo, logo da anexión rusa das rexións de Donetsk e Lugansk. Aínda así, como dixemos, o plan de paz chinés foi desbotado sen maior debate a pesar de que o propio Zelenski se amosou disposto a estudalo, e xa veremos se no futuro as potencias occidentais, que seguen alimentando a vía armada sen facer propostas de paz, acadan mellores resultados na vía diplomática.

A curto prazo o que nos espera logo é un aumento na espiral belicista na que xa estamos envoltos, e que custará ducias de milleiros de vidas civís e militares para ambos bandos, alén de gorentosos contratos para as industrias armamentísticas, que atoparon nesta guerra unha verdadeira feira de mostras, e para un sector enerxético, que está a facer públicos nestas datas os seus beneficios extraordinarios do exercicio pasado.

Entre nós, custa traballo atopar informacións e análises sobre a guerra que non caian na categoría de propaganda mais, aínda así, vanse coñecendo cousas pouco decorosas sobre o acontecido, entre elas, que dos oito millóns de persoas desprazadas pola guerra, tres procuraron refuxio en Rusia, un dato que abonda por si mesmo para desmontar as análises binarias sobre a xénese da guerra. Tamén soubemos, de boca de Angela Merkel, que os protocolos de Minsk, asinados no 2014, eran só unha estratexia para gañar tempo e armar Ucraína, non unha verdadeira tentativa de paz logo dos sucesos penosos do Maidan, o que cuestiona a súa lexitimidade para propoñer eventuais acordos de paz no futuro.

Ademais do sufrimento e do horror que padecen hoxe millóns de persoas, esta guerra agocha perigos potenciais aínda maiores sobre os que non nos advirten con claridade: a súa internacionalización completa e a entrada nunha fase nuclear se alguén pretende estender o conflito ata as últimas consecuencias.