Opinión | Algo que declarar

Da Antela a Doñana

Se un ten a ocasión de examinar esa marabilla que é o mapa de Galicia de Domingo Fontán, verá que practicamente todo segue no mesmo sitio agás unha misteriosa superficie coa feitura dun lunar situado no centro da provincia de Ourense, a Lagoa da Antela. Cóntanos Risco no seu Libro de las horas, de 1961, que andaban naquela altura a desecar a lagoa, “a obsesión dos economistas do século XVIII”, e que ese era o lugar onde, segundo el, pasaba o inverno boa parte da nobreza europea das aves: o cisne boreal e a garza real, como se dunha especie de Baden Baden da orde animal se tratase.

Estrañamente, o reverso luminoso de Risco, Otero Pedrayo, segue dando noticia da Antela unha década despois na parte que corresponde á Xeografía da súa Historia de Galiza, publicada no 73. Nel dinos que o Limia, “iste antigo Letheo dos medos clásicos”, vai desembocar no esteiro saudoso da Ponte de Lima “descansado e folgado na lagoa Antela”. Naquela altura as obras de desecación da lagoa debían estar xa moi avanzadas cando non rematadas, se temos en conta que comezaran no 57, polo que non se entende que Otero a incluíse aínda na súa descrición do rostro amado da patria. Esquezo? Non nos parece posible. Máis ben negación da perda traumática daquela paisaxe excepcional.

Pensarán os utilitaristas que os limiaos saíron gañando na troca dos improdutivos cisnes polas patacas kennebec que pasaron a cultivar no seu leito seco. Non é así: a longo prazo, a perda de calidade edafolóxica da terra supuxo unha baixada na produtividade dos cultivos, ademais da perda doutros usos, como o gandeiro e mesmo o das ras, que segundo nos conta Ferrín, papaba el de mozo, as ancas, nas tabernas da comarca. Agora non sei se estará prohibido, comenta. Eu respóndolle que seguro que si, como case todo.

A teima desarrollista dos xerarcas franquistas ve hoxe a súa continuidade na depredación de Doñana por parte dos agricultores en intensivo que están a esgotar as súas reservas hídricas de superficie e tamén as do subsolo. Custa traballo entender como, despois de que se nos impuxese aos galegos a obriga de contribuír a paliar o cambio climático entregando o noso país ás enerxéticas para aumentar a produción de renovables, vexamos como outros non asumen a parte que lles toca da transición enerxética reducindo o seu consumo dun ben escaso e cada vez máis valioso como é a auga, e anden tramando como levar máis caudal do Teixo ao Segura sen ter en conta os intereses de Portugal no asunto, un esquezo no que somos tamén curmáns.

Nos últimos vinte anos existe unha relación análoga e inversa entre o aumento da superficie cultivada en regadío en España e a perda de pastos en Galicia co seu correlativo peche de granxas de vacún. Estas tendencias opostas resultan aínda máis elocuentes se temos en conta a nosa maior riqueza hídrica e amosan, entre outras cousas, o bando gañador e O perdedor da entrada na CEE.