A revista ‘Alfar’ e a diplomacia cultural

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

O que comezou sendo Boletín de la Casa América-Galicia en decembro de 1920, que se encargaba de fomentar as relacións transatlánticas, comerciais e migratorias, foi acadando gradualmente importancia literaria para acabar sendo a partir do número 32 (setembro de 1923) a revista Alfar. Están, pois, neste mesmo mes de setembro, cumpríndose cen anos da súa fundación, unha idade propicia para rememorala. A etapa fundacional e coruñesa de Alfar (1923-1926) comprende 28 números (32-60) e a etapa uruguaia (1929-1954) 30 números (61-91), sempre con Julio J. Casal como director que, por certo, non recoñeceu os dous números intermedios (61-62) editados na Coruña durante a súa ausencia por un colaborador, o profesor Juan González del Valle, vítima do terror nazi no campo de concentración de Mauthausen-Gusen en 1941.

A nómina de colaboradores que consiguiu reunir Julio J. Casal tanto no aspecto literario —Borges, César Vallejo, entre os hispanoamericanos ou Antonio Machado, Viqueira, A. Villar Ponte, Juan R, Jiménez, Alberti e Guillén, entre os desta ribeira— como no aspecto plástico —Norah Borges, Barradas ou Francisco Miguel, Huici, Dalí, etc.— propiciou a entrada de Alfar na nómina áurea das revistas vangardistas do pasado século. Foi o seu tamén colaborador Guillermo de Torre quen na súa Literaturas europeas de vanguardia (1925) inclúe a publicación coruñesa iniciando unha canonización que, pasando por José Mª de Cossío, García de la Concha, Valeriano Bozal, César A. Molina, etc., culmina no recente e documentado estudo de Bernat Padró Nieto.

Pero a nosa lembranza de hoxe quere poñer o acento nas causas que posibilitaron a nacenza de Alfar, estreitamente vinculada á denominada diplomacia cultural practicada de xeito pioneiro polos países recentemente independizados de América. A “diplomacia cultural” foi un instrumento sutil que empregaban as nacións para mellorar a súa imaxe internacional por medio da súa historia e da súa riqueza cultural tecendo redes de sociabilidade mediante exposicións, revistas, publicacións, editoriais e colaboracións educativas. Con tal fin numerosos escritores e intelectuais acceden ao corpo diplomático coa finalidade de exercer, mediante a cultura, unha diplomacia denominada “blanda” de gran poder persuasivo e seductor. Os escritores e intelectuais Alfonso Reyes, Pablo Neruda, Henríquez Ureña, Gabriela Mistral, Eduardo Dieste, Zum Felde , Octavio Paz ou Jorge Edwards exerceron funcións diplomáticas e fundaron revistas e colaboraron en redes de sociabilidade en distintos países europeos nomeadamente. Tiñan os países hispanoamericanos o estímulo engadido das reticencias da diplomacia española, remisa en recoñecer a súa independencia (non recoñeceu a Perú ata 1879 e non formalizou relacións plenas ata o último cuarto do século XIX, necesitada de apoios internacionais diante do expansionismo norteamericano no Caribe). Curiosamente o embrión da revista Alfar foi a denominada Casa América-Galicia creada en 1920 para fortalecer as mutuas relacións comerciais por acordo unánime do corpo consular con sede na Coruña, que representaba un total de quince nacións. O seu principal promotor e primeiro presidente era nada menos que Ernesto Cádiz Vargas, cónsul de Chile, que defendía a fertilidade proporcionada polo “Nitrato de Chile” fronte dos abonos químicos anglosaxóns. Este mesmo cónsul será presidente, dous anos máis tarde, do consello de administración do xornal Galicia, tan fecundo na súa traxectoria cultural para Galicia coma o Nitrato de Chile para o campo, tan presente nas súas páxinas publicitarias. Julio J. Casal, secretario da Casa América Galicia, era tamén cónsul do Uruguai na Coruña, de filiación batllista e arielista, como Eduardo Dieste, promotor da revista P.A.N. (1935) e cónsul do seu país en Londres, Bilbao, Cádiz e Madrid.

Suscríbete para seguir leyendo