Opinión | Shikamoo, construir en positivo

Contra a homofobia e a transfobia

Saúdovos hoxe cun artigo escrito onte, nunha nova edición do Día das Letras Galegas. Unha cita imprescindible cada ano para conectármonos coa herdanza de tódalas persoas que, coa súa escrita, contribuíron dalgunha forma á preservación do noso idioma máis propio, que xunto co castelán conforma a base da nosa inmensa riqueza cultural, a partir da diversidade e da suma por enriba de todo. Un patrimonio que temos que ser quen de administrar e mellorar, e facer así do galego un idioma cun prometedor futuro. Non pensen que é doado isto, porque hai hoxe moita presión normalizadora e homoxeneizadora no mundo enteiro, e isto ás veces dificulta que as novas xeracións de mozos e mozas vaian tomando conciencia disto e perpetuando a tarefa. Pero xa saben que en todos os eidos o cambio social parte dunha minoría fondamente convencida e con argumentos sólidos, que é quen de contaxiar as súas ideas ao resto da sociedade. E, nesa tarefa, hai moitas e moitos dos nosos veciños que levan moito tempo traballando a prol da lingua e, por extensión, da cultura máis apegada a Galicia. Vaia o meu recoñecemento polo seu traballo.

Pero o 17 de Maio da para moito máis, tamén no eido do cambio social, de minorías e dunha sociedade aberta a tódalas sensibilidades, condicións e puntos de vista. Porque o 17 de Maio tamén hai anos que se celebra, en clave moito máis internacional, o Día contra a homofobia e a transfobia. Unha cita importante e necesaria para seguir dando visibilidade a unha situación global na que as persoas LGTBIQ+ moitas veces ven menoscabados os seus dereitos máis elementais por dita condición. Algo no que na nosa contorna é verdade que temos mellorado moito, pero no que hai que seguir traballando firme para que tal melloría beneficie a máis persoas, se consolide e non haxa retrocesos.

A Declaración Universal de Dereitos Humanos recoñece que o fundamento da liberdade, a xustiza e a paz no mundo pasa por uns dereitos iguais e inalienables para tódolos membros da familia humana. Algo que, nestes tempos de guerras baseadas na cobiza, está fortemente ameazado. Pois ben, de isto é importante sermos conscientes á hora de ter en conta os dereitos, en particular, do colectivo LGTBIQ+. É que, non o esquezan, moitos dos países cos que comerciamos, dos que veñen mercadorías que nós consumimos ou que teñen outros lazos, de tipo turístico, cultural ou de cooperación coa nosa comunidade seguen a penalizar ás persoas polo feito da súa orientación sexual. Algo que non é tolerable hoxe, nun contexto no que Nacións Unidas condena expresamente tal forma de discriminación contra as persoas.

Vivimos cambios trepidantes no mundo, e en particular nada ten que ver agora a situación no noso país e en moitos outros coa existente hai só vinte ou trinta anos, e non digamos algúns máis. Pero, ao igual que no traballo para seguir consolidando o galego e garantindo o seu futuro, non podemos dar tampouco por terminado o necesario impulso para frear definitivamente a exclusión, a ameaza ou a persecución das persoas que non se identifican co patrón heteronormativo. Falta moito por facer, e os casos de violencia de todo tipo contra o colectivo LGTBIQ+, incluíndo a violencia institucional e estatal, están á orde do día.

Aínda así, estamos nun momento doce, en comparación coas referidas etapas pasadas. Nos últimos meses catro países máis xa non consideran delito as relacións consensuais entre persoas do mesmo sexo e outros países aprobaron leis que recoñecen a identidade de xénero das persoas transxénero. Así mesmo, son cada vez máis as nacións que recoñecen legalmente ás parellas do mesmo sexo, e tamén as que aproban ou modifican os seus códigos penais para endurecer a persecución dos delitos de odio e, en particular, de homofobia e transfobia.

Na outra cara da moeda, outros países persisten nas súas visións contrarias aos dereitos máis elementais, e seguen a aplicar leis moi duras, incluso ás veces de nova creación e que contemplan condenas a morte. Moitas persoas LGTBIQ+ sofren niveis desproporcionadamente altos de violencia e discriminación, con negación expresa do acceso á educación, emprego, saúde, vivenda e protección. A igualdade real, en calquera caso e malia aos avances, dista aínda moito de ser un feito. No cumio da persecución, en moitos países nin sequera se pode falar da cuestión dos dereitos LGTBIQ+, debater sobre isto ou criticar as posturas oficiais, claramente contrarias á posición das Nacións Unidas e da ética máis elemental, moi fóra dun enfoque de dereitos. Só iso xa pode implicar a cadea, ou... máis.

É por todo isto que, neste 17 de Maio e no noso galego, agradézovos que sexades activos e activas na procura dun mundo máis xusto, tamén no tocante a consolidación dos dereitos humanos para a comunidade LGTBIQ+, que non somos máis que moreas de homes e mulleres coma ti...