A Xunta incorporará 81 novos centros ao programa E-Dixgal o vindeiro curso

Alumnos de un colegio gallego que participa en el proyecto E-Dixgal. / Iñaki Osorio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

A Xunta incorporará o vindeiro curso 2021-2022 ao programa de libro dixital E-Dixgal un total de 81 novos centros e ampliará a participación doutros 139 aos cursos de 3º e 4º de ESO, a principal novidade da convocatoria deste ano. Ademais, dous centros educativos que xa o desenvolven en Secundaria incorporan a iniciativa tamén á etapa de Primaria. Deste xeito, o número total de centros integrados no E-Dixgal elévase a 551, dos que 197 son da provincia da Coruña, 90 da de Lugo, 46 da de Ourense e 218 da de Pontevedra.

Das novas incorporacións, 29 son centros da provincia da Coruña e 14 son da provincia de Lugo. No caso da provincia de Ourense súmanse á iniciativa un total de sete centros, mentres que na provincia de Pontevedra os centros novos serán 31. Así mesmo, o CPI de Xanceda (Mesía) e CPR Plurilingüe Padres Somascos, (A Guarda) que xa desenvolven o E-Dixgal en Secundaria, ampliarano o vindeiro curso tamén a Primaria.

Os centros de nova incorporación en Primaria comezarán a traballar co libro dixital o vindeiro curso en 5º, e estenderano o seguinte a 6º. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, comezarán en 1º de ESO e terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos.

A convocatoria deste ano incluía por primeira vez a posibilidade de ampliar o programa aos cursos de 3º e 4º de ESO (ata o momento está implantado en 5 e 6 de Primaria e en 1º e 2º de ESO). Serán en total 139 os colexios e institutos que se acollan a esta ampliación, o que suporá case duplicar o número de alumnos de ESO con E-Dixgal en Galicia. Deles, 46 son centros da provincia da Coruña, 28 da provincia de Lugo, cinco da provincia de Ourense e 60 da provincia de Pontevedra. Esta mellora supón, ademais, que por primeira vez un alumno galego poderá estudar con libro dixital gratuíto durante seis cursos consecutivos.

Pulsa para ver más contenido para ti

A ampliación do proxecto E-Dixgal é unha das liñas de acción da Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, a folla de ruta coa que o Goberno galego vai impulsar a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no curriculum de todas as etapas educativas. Así mesmo, enmárcase no Plan EDU100 (Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas 2021-2023), coordinado pola Amtega, que supón un investimento 134,6M€ nos próximos tres anos.

Noticias de Portada Leer Noticias cerca de ti CercaJuegos Jugar