Máis de 400 estudantes de Galicia e Francia participan nun programa de intercambio
B. C. [ a coruña]
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en marcha EduFrance, unha mobilidade na que 200 estudantes galegos e outros 200 franceses, das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, participarán este curso neste proxecto de mobilidade. A esta iniciativa, o Goberno galego suma Picasso Mob, un novo programa de intercambio entre alumnado de centros educativos galegos e da rexión académica Bourgogne-Franche Comté no que participarán seis estudantes galegos e outros seis de Francia.
O obxectivo destes intercambios escolares é propiciar o coñecemento mutuo das culturas e linguas de ambos países mediante a asistencia do alumnado a centros educativos e a convivencia en familias doutro país. A estratexia Edulingüe 2030 de Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove este tipo de accións como chave para achegar ao alumnado galego a un contexto internacional real, tanto no ámbito académico como no da convivencia diaria. No caso do programa EduFrance, serán arredor de 200 os alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º Bacharelato de 20 centros públicos galegos que participarán nun intercambio cultural e lingüístico con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne.
Os seis alumnos galegos de 1º de Bacharelato participantes no Picasso Mob proceden dos institutos IES de Arzúa, Canido (Ferrol), de Allariz, Johan Carballeira (Bueu) e de Rodeira (Cangas).