A Xunta organiza en Ribadavia o II Congreso Nacional da Escola Rural

B. C.

A Xunta organiza o II Congreso Nacional da Escola Rural, que se desenvolverá o 3 de maio en Ribadavia. Unha cita que conta coa colaboración da Fundación Princesa de Girona, Mórula Asociación Educativa e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia.

A cita, que pretende ser un punto de encontro para quen conforma a comunidade educativa rural, está dirixido principalmente ao profesorado de toda España, axentes das administracións educativas e expertos no ámbito do ensino rural. Deste xeito, a cita permitirá reivindicar o traballo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na integración da escola rural como axente clave do seu tecido educativo, do seu papel como vertebrador da sociedade e da cohesión territorial e familiar, así como da aposta pola innovación e a integración en todas as dimesnións da ensinanza galega.

O programa, que inclúe conferencias, paneis, exposicion de proxectos educativos e a difusión de boas prácticas, comezará coa conferencia Patróns e compromiso coa escola rural da profesora da Universidade de Zaragoza Pilar Abós. Ao longo da mañá, os participantes no Congreso Nacional da Escola Rural poderán asistir á presentación Escola rural vs escola urbana en Galicia da man do secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila. Tamén se desenvolverá a mesa redonda Presente e futuro da escola rural, elementos de sustentabilidade. A xornada matinal rematará cun panel de expertos sobre a escola rural en Galicia con directores de centros galegos de diferentes etapas e tipoloxías.

A xornada continuará cunha feira para promocionar os centros educativos rurais galegos, seguindo pola tarde con obradoiros e proxectos de boas prácticas e experiencias. Ademais, daranse a coñecer proxectos de aulas multigrado, de metodoloxías activas, inclusión e dixitalización, entre outros.