‘Eleccións e guerras’, o novo informe do Instituto Galego de Análise Internacional

Rodrigo Paz

“Vivimos nun mundo turbulento”. Así de contundente se mostrou este luns o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Daniel González, no salón de graos da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Fíxoo durante a presentación da 17ª edición do Igadi Annual Report 23-24, o informe anual de relacións e política internacional no que este think tank (laboratorio de ideas) galego creado no ano 1991 presenta as claves do estado do Planeta e as perspectivas que se agardan este 2024.

Baixo o título de Eleccións e guerras: Perfilando a multipolaridade, o informe, que conta con doce análises específicos por áreas xeográficas e transversais, atende á nova natureza e formas da multipolaridade na sociedade internacional poñendo o foco en cuestións como as eleccións que se celebran en ata 70 países ao longo deste ano, o deterioro das normas internacionais e a amplificación do impacto da policrise global en materias como a seguridade e a economía, o medio ambiente e a pobreza.