Entrevista | Edil de Marea, esta semana anunciou que deixaría o Concello

Claudia Delso: “A Marea foi perdendo a diversidade que tiña en 2015, pero segue tendo sentido”

“A unidade nas eleccións locais é o único camiño, o outro sería triste polo que fomos”

A concelleira de Marea Claudia Delso, edil dende 2015 e que deixará o posto.   | // CARLOS PARDELLAS

A concelleira de Marea Claudia Delso, edil dende 2015 e que deixará o posto. | // CARLOS PARDELLAS / Enrique Carballo

Claudia Delso é edil de Marea desde 2015, e foi concelleira de Participación e Innovación Democrática no anterior Goberno Local. O xoves fixo público que deixaba a súa acta de edil para atender a unha oferta laboral e por motivos “políticos”.

Cales son os motivos políticos?

Un dos elementos que máis me interesaron da Marea no 2015 foi a pluralidade e a diferencia que había aí dentro, que se foi perdendo. É normal que se perda, son moitos anos, a política é moi complexa, e a Marea non o tivo fácil como proxecto novidoso, con xente nova, e nunha cidade onde tradicionalmente houbo un bipartidismo moi clásico. Atacóuselle en exceso, e a pesar diso fixemos cousas moi importantes. Na balanza, quédome co positivo, e reivindico esa Marea Atlántica de 2015.

Fala de Podemos, que foi na lista con Marea e saíu do grupo municipal, ou que falta a diversidade interna dos inicios?

Ambas. Creo que non descubro nada dicindo que a diversidade que había en 2015 non a hai hoxe por diversos motivos. Hai razóns internas e externas. Creo que Podemos cometeu un grande erro non integrándose no grupo. Para os proxectos que naceron coa vontade de cambiar as formas de facer política é importante ser coherente co que te trouxo a facer iso. Os proxectos políticos están conformados por colectividades, que son complexas, pero creo que son lugares onde todas e todos tratamos de dar o mellor. Ás compañeiras e compañeiros deséxolles o mellor, e á Marea un proxecto que segue tendo todo o sentido nesa cidade.

Cal cre que debería ser a fórmula para as eleccións de 2023?

A unidade é o único que ten sentido. Outra decisión sería triste, sobre todo pensando no que fomos. Con toda a súa diversidade, a Marea en 2015 gobernou esta cidade. Con erros e acertos, pero creo que cun balance positivo. Creo que a unidade é o único camiño.

Que se interpón nesa unidade?

Unha cousa que diciamos moito en 2015 era colocar por diante as cousas que nos temos en común máis que as que nos diferencian. Hai moita persoa e pensamento progresista nesta cidade, detrás dunhas siglas ou non. Teremos diferencias, pero non as penso como problema, senón un valor. Se fomos quen de facelo en 2015, por que non agora?

Ningún edil actual irá na lista.

Toca unha renovación. Hai xente nova e moi valiosa en Marea e tócalles tomar o relevo. Está agora nun proceso de conformación de primarias. Esa frescura que había en 2015, por que non a vai haber agora. Queda moito camiño de cara a 2023.

Non vai un pouco apurado?

Os tempos en política son sempre relativos, tantas cousas poden pasar dunha semana a outra. Quedan nove meses. Se os obxectivos e a vontade son claros tanto dá. Desexo moito ánimo e forza aos que estarán aí.

As forzas locais deberían aliarse co proxecto de Yolanda Díaz?

Non vou dicir o que teñen que facer. Creo que calquera que intente facer un xesto de aglutinamento sempre hai que escoitalo. Hai elementos en común co que foi a Marea, por que non vai haber un diálogo? A referencia a nivel municipal é a Marea e entendo que do modo que sexa debería seguir sendo así. Admiro e valoro o traballo como vicepresidenta e ministra de Yolanda Díaz e este intento aglutinador é unha boa noticia para as persoas progresistas.

Algúns interpretaron a súa saída como febleza da Marea. É un proxecto político en decadencia?

Non o creo. Está en transición, cambio. Toca unha renovación, pero non é unha mostra de febleza, senón de que é un proxecto vivo. O importante é a reflexión do sentido. En 2015 conectou cunha sensibilidade e clima na cidade; agora é radicalmente distinto, pero segue habendo un sentido para un espazo así.

Como ve a distribución das forzas políticas para o ano que ven?

O goberno de Rey é moi decepcionante para a cidade e os seus propios votantes. Moita xente, eu mesma, agardaba máis. Volvemos a dinámicas antigas e falta un vencello máis próximo aos cidadáns. A senda de Marea é clara e recuperable.

A candidatura de unidade debería ser Marea ou outra sigla?

Non o sei. Ás veces parece que a esquerda acaba enredando nos nomes, e a cuestión é cal é o proxecto político e como o presentas e trasladas a confianza, coherencia e traxectoria. Hai elementos que conteñen o nome da Marea, e hai un coñecemento que non debería perderse. Hai que facer política con responsabilidade, temperanza e prácticas feministas, e na medida que se poida nunha única candidatura.

Que lembra con máis orgullo?

Ter posto en marcha unha concellería que tratou de poñer en marcha políticas de participación e innovación democrática. Hai cousas que son irreversibles, a oposición nas xuntas de goberno e mesas de contratación, o escano cidadán, os orzamentos participativos. O Dillo Ti desapareceu... Recuperar o faro de Oza, as naves do Metrosidero, cando se abran, o Remanso, o laboratorio cidadán, a participación e diálogo da cidade en relación ao porto. Estou moi agradecida ás compañeiras e o funcionariado co que traballei. Cometín erros e pido desculpas.

Cales foron os erros e decisións de Marea que non compartiu?

Pouco aporta afondar neses elementos do pasado. As persoas que estivemos aí sabemos cales foron. Se cadra houbo momentos nos que quixemos atender a moitas cousas.

Espera que algún outro compañeiro vaia dar un paso atrás?

Non sei.

Suscríbete para seguir leyendo