30. IA

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Esta sección cumpre trinta entregas. Para conmemoralo, comeza hoxe unha miniserie especial de cinco definicións centradas en siglas con algún tipo de relevancia para o naturalismo galego. Comezamos cunha en auxe nestas datas: IA.

Definición: s. f. Siglas de Intelixencia Artificial, isto é, capacidade dunha máquina ou un programa de funcionar de xeito similar á mente humana. Esta definición figura no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Programación: conxunto de técnicas utilizadas para a elaboración de programas informáticos e proceso de elaboración dun programa concreto. Aplicación: programa ou conxunto de programas destinados a unha función determinada. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Deixando a un lado aqueles seres artificiais con intelixencia, o sentido de intelixencia artificial (IA) relaciónase desde a primeira metade do século XX coa computación dixital. En efecto, o proceso no que computadoras poden simular procesos de razoamento formal (base da IA) débese aos traballos do matemático estadounidense Alonzo Church (1903-1995) e do seu alumno o inglés Alan Turing (1912-1954), perfeccionados posteriormente en 1943 grazas ás “neuronas artificiais” deseñadas polos norteamericanos Warren McCulloch (1898-1969) e Walter Pitts (1923-1969). A segunda metade do século XX e, especialmente, o comezo do XXI, supuxeron unha optimización das neuronas artificiais, dos procesos de percepción e aprendizaxe das computadoras e o desenvolvemento amplísimo de aplicacións para a IA, moitas das cales teñen que ver coa natureza: interpretación de datos procedentes de satélites, seguimento remoto de especies e hábitats, cálculos e representación de datos científicos complexos, recoñecemento de especies a partires de imaxes e sons, entre outros.

Por que está en auxe esta palabra?: A Coruña foi recentemente escollida como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), polo que todo o relativo á IA salta nestes días mesmo ás capas dos xornais. Así e todo, a IA está presente na nosa vida cotiá desde hai anos, por exemplo nas redes sociais que usamos a diario, na medicina, na toma de decisións de empresas e tamén na ciencia. Un caso no que a IA está a supoñer unha auténtica revolución é na chamada ciencia cidadá, definida como a participación pública na investigación científica en aras de incrementar o coñecemento científico, pola cal a cidadanía partilla información e contribúe con programas de seguimento e recolleita de datos. Un exemplo de ciencia cidadá son as plataformas en liña que nos permiten subir á rede rexistros e fotografías das plantas e animais que vemos no campo. Grazas á IA estas plataformas suxiren unha identificación dese organismo fotografado. As ferramentas de identificación automática que usan esas plataformas (iNaturalist, ObsIdentify para Observation e Merlin para eBird, por exemplo), “adéstranse” coas propias imaxes subidas ás plataformas, perfeccionándose continuamente e fornecendo porcentaxes de fiabilidade cada vez maiores. E xa son millóns as imaxes subidas: iNaturalist (123 millóns de imaxes asignadas a un xénero ou especie concreto a nivel mundial), Observation /Waarneming(en) (59 millóns) e eBird (43 millóns de fotos).