Un Nadal de luces e moita maxia

Máis de tres millóns de luces iluminan todos os barrios da cidade nestas festas » Os mercados municipais, tamén decorados, contan con actividades para nenos e nenas

Luces de Nadal no Obelisco.   | // VÍCTOR ECHAVE

Luces de Nadal no Obelisco. | // VÍCTOR ECHAVE / B. C. [A Coruña]

B. C. [A Coruña]

Máis de tres millóns de luces de Nadal iluminan todos os barrios da cidade para celebrar unha época de maxia, ilusión e ledicia. O Concello da Coruña acendeu o alumeado o pasado día 3 de decembro para dar comezo a unhas festas únicas que recuperan a normalidade. Máis dun mes de obradoiros, actividades, agasallos e as visitas de Papá Noel e os Reis Magos.

Todo comezou co concurso infantil de debuxos ideado para escoller, posteriormente, ás pequenas que foron os encargadas de premer o interruptor de acendido das luces. Entre medias, e no contexto da celebración, actuou tamén o Mago Román, que fixo gozar a nenos e adultos. A celebración no Obelisco rematou coa actuación en concerto da Gallaecia Big Band.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o compromiso do Goberno municipal para “que o Nadal se viva con igual intensidade en todos os distritos da cidade”. Para isto, continuou, “o Concello instalou máis de tres millóns de puntos de luz led entre todos os barrios da Coruña”. Ademais, e ata o vindeiro 8 de xaneiro, hai máis de sesenta eventos programados en todos os distritos coruñeses, que abranguen concertos, espectáculos e obradoiros creativos, unha programación orientada tanto a persoas adultas como aos máis pequenos da casa, e cunha marcada aposta polo talento cultural da cidade.

A bola de luz da Mariña.   | // VÍCTOR ECHAVE

A bola de luz da Mariña. | // VÍCTOR ECHAVE / B. C. [A Coruña]

Os tres millóns de puntos de luz led instalados polo Concello nos barrios este Nadal son dispositivos de baixo consumo. Incrementáronse a 560 os arcos luminosos, tamén de baixo consumo e distribuídos por todos os distritos. Este ano, a expansión das luminarias foi máis notoria nos Mallos e o Barrio das Flores. Ademais, as luces de Nadal chegaron por primeira vez ao novo barrio de Xuxán.

Entre os adornos con temática de Nadal instalados na cidade destaca a esfera luminosa de 12 metros de altura, que está situada un ano máis na Mariña, e a árbore de 20 metros de altura do Obelisco. En paralelo, instaláronse decoracións luminosas específicas, con paraugas de luces e elementos en 3-D, repartidas entre a praza das Conchiñas, o Campo de Marte, a praza da Cubela e o cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo.

Festa nos mercados

Inés Rey tamén presidiu o acendido das luces de Nadal do Mercado Municipal de Elviña, promovido pola asociación de placeiros e placeiras. A rexedora estivo acompañada polo seu presidente, Leo Tomé, e pola concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Cabanas.

“O traballo que se leva a cabo desde mercados como este é constante e dun gran nivel. Temos que poñer en valor o seu labor diario e dicirlle á xente que hai que mercar local e facelo no mercado”, sinalou a alcaldesa, que lembrou que o Concello impulsa a través da súa programación de Nadal uns obradoiros para a mocidade para concienciar a nenos e nenas da gran importancia do consumo de produto fresco e dos mercados.

A rexidora Rey lembrou a importancia de fomentar o comercio local e a necesidade de facelo en campañas como esta de Nadal. “Este ano instalamos máis de tres millóns de puntos de luz led, despregados por toda a cidade. Porque o noso desexo é que o Nadal se viva con igual intensidade en todos os distritos da cidade. A Coruña é o que é pola identidade particular de cada un dos seus barrios, tamén pola vida que dá ás nosas rúas o pequeno e mediano comercio local, que é, en realidade, o que aporta a verdadeira luz á cidade”, dixo.

Os obradoiros nos mercados municipais, deseñados para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, estarán dinamizados por un cociñeiro acreditado e tres monitores, que lles achegarán ás e aos máis pequenos as receitas gastronómicas propias das datas do Nadal. Estas actividades serán nos mercados de San Agustín e Eusebio da Guarda (23 de decembro); Durmideiras e Elviña (26 de decembro); Monte Alto e Eusebio da Guarda (27 de decembro); As Conchiñas e San Agustín (28 de decembro); e Elviña e Monte Alto (29 de decembro).