Volven as foliadas, volve a festa a Donaire

A entidade celebra hoxe, a partir das 20.00 horas, a primeira foliada do ano, coa participación de tres asociacións de música e baile

Unha das foliadas na nave de Donaire.   | // CEDIDA POR DONAIRE

Unha das foliadas na nave de Donaire. | // CEDIDA POR DONAIRE / Gemma Malvido

A pandemia interrompeu as foliadas que Donaire tiña pensadas para celebrar os seus primeiros vinte anos de vida. O coronavirus non permitiu que se fixeran máis de dúas, así que, en canto a pandemia deu un respiro, na entidade decidiron que había que aproveitalo e non deixalo para máis adiante, así que, a de hoxe será a primeira foliada do ano na nave de Donaire, a terceira desta nova etapa a quinta desde 2020.

“A Coruña, a pesar de ter moita vida asociativa arredor da música e do baile tradicionais e de que hai sitios onde tocar, si que botabamos en falta que houbese un lugar onde poder bailar por lecer”, explica Antonio Prado, que é profesor de baile na Asociación Cultural Donaire.

Desde aquelas dúas primeiras foliadas de celebración, en xaneiro e febreiro de 2020, pasaron moitas cousas, entre elas, que esta nova remesa de xuntanzas xa non se fai na sala Garufa senón que enche de música a nave que Donaire ten no polígono de Agrela, porque, durante a pandemia, para poder conciliar as súas actividades coas restricións sanitarias precisaban unhas instalacións moito máis amplas que as que tiñan en San Diego, así que, moveron toda a súa vida ao polígono, a unha nave que é xa a súa nova casa e centro de operacións.

“Este novo espazo permítenos facer este tipo de actividades nas que se reúne moita xente, na última de 2022, que foi en decembro, participaron arredor de 400 persoas”, relata Prado, que indica, ademais, que actualmente están a facer as foliadas con máis frecuencia que cando as retomaron porque “nas clases non se fala doutra cousa”, só de cando será a seguinte, así que, a acollida está a ser moito mellor que boa, tanto entre os que xa saben tocar e bailar como entre os que están empezando e queren poñer en práctica o que levan aprendido nas clases. Coa idea de que tanto pequenos coma maiores poidan gozar destas foliadas, a festa de hoxe comezará ás oito da tarde e as portas abriranse media hora antes.

Da música encargaranse o grupo musical e as cantareiras da Asociación Cultural Son d’Aquí; as pandeireteiras da Escola de Música e Baile Tradicional de Mesía; as gaiteiras e pandereteiras da Asociación Cultural Palacio do Rei; e as formacións Barlovento, Gaiteir@s e Galantiñas, da Asociación Cultural Donaire.

“A nosa idea é que sirva de punto de encontro, intentamos facelo da maneira máis horizontal posible, para que todas as agrupacións, escolas e asociacións que queiran vir poidan facelo e que teñan alí un espazo para poder vernos, falar e estar xuntas. A entrada ten un prezo de dous euros para as persoas socias de Donaire e de tres para quen non o sexa. Poñemos barra de bebidas e de bocadillos para pasar unha boa tarde”, comenta Prado, que destaca que é unha boa alternativa para as tardes de sábado dos adolescentes e para quen desexe coñecer un pouco máis da música tradicional en directo.

Prado fai fincapé tamén en que, a pesar de que non sexan actos programados, segue a haber na cidade locais como a Cova Céltica, nos que se adoita tocar todas as semanas, ou no Castro de Elviña, onde se celebran foliadas no verán. “Botamos en falta A Repichoca”, lamenta Prado, xa que era tamén un dos locais nos que a música estaba asegurada.

Donaire tivo que abrir este ano novos grupos ante a forte demanda de quen quere empezar a cantar ou a bailar e tamén de quen decide retomar unha actividade que igual deixara de lado durante uns anos, así que, actualmente, logo de térense sumado máis dun centenar de alumnos e alumnas ás escolas, son máis de 500 familias —unhas 800 persoas— as que forman parte de Donaire e que senten o amor pola música e polo baile tradicionais e que poderán demostralo na festa de hoxe, e en moitas máis, xa que a boa acollida da idea ten sementa a súa permanencia.

Suscríbete para seguir leyendo