Entrevista | Escritor, vén de publicar a novela ‘Lobos doentes’

Antonio Tizón: “Cando se di que un asasino é un louco estase estigmatizando os enfermos mentais”

“Búscase esta explicación porque non lle cabe na cabeza que a xente sexa tan cruel”

Antonio Tizón, no miradoiro do xardín de San Carlos, escenario dun crime na súa novela.   | // VÍCTOR ECHAVE

Antonio Tizón, no miradoiro do xardín de San Carlos, escenario dun crime na súa novela. | // VÍCTOR ECHAVE / José Manuel Gutiérrez

O poema de Rosalía de Castro A xustiza pola man serviulle a Antonio Tizón de inspiración para escribir o cuarto libro da serie negra que comezou en 2015. A "loba doente" da que fala Rosalía convértese aquí nos Lobos doentes, aos que Tizón recorre para abordar a vinganza. A obra será presentada o 11 de marzo na adega Algueira, na Ribeira Sacra, nun xantar aberto aos interesados no que Eugenia Sanmartín cantará o poema de Rosalía e no que falarán Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; o académico e escritor Xosé Luis Axeitos; o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz; e o propietario da adega, Fernando González. Para asistir é preciso inscribirse no teléfono 722 11 89 25 antes do 1 de marzo.

Lobos doentes é a cuarta novela da serie que iniciou en 2015. Tiña xa pensado daquela o argumento de cada unha das obras do que será unha pentaloxía?

Cando presentei o proxecto a Xerais xa tiña pensado que ían ser varias novelas, pero non exactamente cinco. Non me deu tempo a explicar na primeira, A antesala luminosa, todo o que quería, polo que, aínda que non tiña unha trama concreta, si os temas que ía tratar nas seguintes. Malia que son historias independentes, están relacionadas e teñen unha temática común que é a enfermidade mental, a loucura. E ademais en clave do xénero negro, que iso é o orixinal. Tamén hai outras de tipo existencial como o amor, a morte e a soidade, e outras sociais como a corrupción, os atentados ambientais ou a especulación urbanística. Pero sempre como elemento catalizador a loucura, á que eu prefiro chamarlle enfermidade mental para quitarlle a aura de romanticismo que ten a loucura.

Que aspecto da enfermidade mental aborda nesta novela?

Profundo noutros aspectos anteriores como a confusión que existe tan a miúdo entre a loucura e a maldade ou a perversidade. Sempre que se comete un acto violento se di que esa persoa está louca, como os asasinos, violadores, pederastas… Así estamos estigmatizando os enfermos mentais, porque a loucura case nunca ten nada que ver coa enfermidade mental. Hai enfermos mentais bondadosos e malvados e esa confusión tan habitual abórdase nesta novela, na que tamén se trata o posible carácter patolóxico de determinadas tendencias sexuais como a pedofilia e a pederastia, ademais do sadomasoquismo.

Por que se di das persoas malvadas que están tolas? É por que non se atopa outra explicación?

Claro, como non lles cabe na cabeza que a xente sexa tan cruel ou violenta, intentan buscar unha explicación e din que están tolos. Mesmo hai xente que dubida de que exista a maldade, cando non hai máis que botarlle unha ollada a historia para ver que si existe. Tampouco se pode considerar un enfermo mental ao parricida que matou o fillo para vingarse da nai, senón que é unha persoa psicótica, xa que estivo planificando o crime meses e meses. Por iso condenárono á cárcere e non ao manicomio, xa que no xuízo demostrouse que non está louco. Cando empecei a serie de novelas no 2015 non era tan normal falar das enfermidades mentais, aínda que trala pandemia parece que é máis normal, pero das leves como a ansiedade ou a depresión leve.

As súas novelas desenvólvense habitualmente na Coruña. Nesta hai outros escenarios?

Os meus escenarios son reais sempre e mesmo con personaxes reais ademais dos ficticios. En Lobos doentes aparece Rodríguez Zapatero, que fuma coma un carreteiro, e Francisco Vázquez. Os lugares son sempre reais e chamados polo seu nome, e nesta ocasión a ambientación especial está na Cidade Vella, o xardín de San Carlos, os hoteis Finisterre e Meliá e o barrio dos Castros, ademais dun lugar ficticio que aparece en todas as miñas novelas chamado San Epitafio, que en realidade é a miña aldea.

Suscríbete para seguir leyendo