Ecodicionario galego
35. Microrreserva
Cosme Damián Romay Cousido
Definición: s. f. Territorio de pequeno tamaño destinado á protección de especies animais e vexetais. Adáptase a definición de reserva que figura no dicionario da RAG.
Palabras e expresións relacionadas: Protexer: impedir que algo ou alguén sufra un dano. Conservar: manter en bo estado, sen expor ou estar exposto a alteracións. Custodiar: coidar de algo ou alguén para evitar que sexa roubado, atacado etc. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.
Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A protección de lugares naturais para salvagardar a súa diversidade biolóxica ten varios séculos de antigüidade: os antigos cazadeiros reais na India, os bosques sagrados en diversos puntos de África e as áreas “tabú” na Polinesia serviron, funcionalmente, de reservas de biodiversidade ao longo do tempo. A primeira área protexida legalmente foi a reserva de Main Ridge Forest, na illa sudamericana de Tobago (1776), seguida da reserva mongola de Bogd Khan Uul en 1778. Tras a primeira regulación da caza nos Estados Unidos (Public Trust Doctrine de 1842), e a crecente sensibilización social perante a destrución da natureza —grazas á obra de Henry David Thoreau (1817–1862)—, ficaba consolidar o modelo de reservas no país norteamericano. Sería en 1872 cando o Parque Nacional de Yellowstone, nos estados de Wyoming, Montana e Idaho, vía a luz. As súas normas de xestión serían modelo para a creación doutras áreas protexidas arreo do mundo: parques nacionais e naturais, reservas naturais, santuarios da vida salvaxe e, tamén, a figura máis pequena de protección a nivel global: as microrreservas.
Por que está en voga esta palabra?: Aínda prosegue entre os conservacionistas o vello debate chamado Sloss (siglas de Single Large Or Several Small), isto é, se é mellor unha única área protexida grande ou varias pequenas. Con excepcións, pero semella que a tendencia é deixar atrás o antigo modelo de grandes parques nacionais (por exemplo Yellowstone) e protexer moitos quilómetros cadrados grazas á suma de áreas “medianas” combinadas cunha ampla rede de pequenas reservas dispersas, chamadas microrreservas. Esta figura demostrouse eficaz para protexer flora ameazada vinculada a ambientes moi específicos. Por exemplo, as recentes microrreservas de flora das áreas de rochas serpentínicas da serra do Careón (preto de Melide), deseñadas e coidadas pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), protexen 23 hectáreas con tres endemismos botánicos (por tanto, únicos no mundo): Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis. No Courel a AGCT está a traballar en cinco microrreservas para orquídeas, estudando á par a súa ecoloxía. E non só existe esta figura para plantas: a microrreserva de anfibios da antiga canteira do Catorce (Coirós) preserva o hábitat de 11 das 14 especies de anfibios que se atopan en Galicia, grazas ao traballo da Fundación Fragas do Mandeo.
Cosme Damián Romay Cousido é biólogo
- Una influencer madrileña se deshace en elogios con 'el restaurante más icónico de A Coruña': 'Menos de 15 euros por cabeza
- Hijos de Rivera estrenará nueva sede en el antiguo Comcor, en A Coruña, en la segunda mitad del año
- Hallan muerta a una mujer en la plaza Salvador de Madariaga, en O Ventorrillo
- Aprender el idioma desde cero en A Coruña
- Las líneas del futuro puerto de A Coruña: un multiusos y pisos en San Diego y concesiones en los muelles del centro
- A Coruña viaja hasta al Lejano Oeste para celebrar su ‘cultura de vivir’
- Atasco en la entrada a A Coruña por Alfonso Molina tras un choque múltiple
- El proyecto para los muelles interiores de A Coruña estudiará un tranvía-tren hasta la plaza de Ourense