“Somos un grupo de mulleres que fan o que lles peta e non lle teñen medo a nada”

“Queremos que as nenas que veñan detrás nosa teñan unha referencia e a forza para seguir o seu soño”

Mayra Vila, abaixo á dereita, xunto ao grupo Leria.

Mayra Vila, abaixo á dereita, xunto ao grupo Leria. / LOC

Catro mulleres novas están a rachar tódolos cánones establecidos coa súa música. Nin son normativas nin pretenden selo. O que queren é alzar a súa voz —e os seus instrumentos— pola diversidade sexual e física e abrir camiño ás mozas que están por vir. Elas son Leria e esta noite súbense ao escenario de Garufa Club (22.30 horas) para celebrar o Día da Visibilidade Lésbica xunto a Rocío Saiz nun evento organizado por Les Coruña. “O temos complicado na música e na vida, hai todavía moito que avanzar”, di Mayra Vila, que pon a voz e a guitarra ao grupo.

Que tedes preparado para hoxe?

Presentamos un formato con dúas partes, unha cunhas cancións un pouquiño máis íntimas e despois xa rompemos a facer un repertorio moito máis animado para que a xente estea a tope e deixala cos ánimos ben arriba.

Para montar unha boa leria, non?

Xusto. Temos moita leria, o nome do grupo semella moi ben como somos nós, unhas rapazas que temos moitas cousas que contar coa nosa música, moito que falar do que nos gusta e do que non nos gusta.

Que vos gusta?

No disco hai cancións moi distintas e iso reflexa o que somos e non nos queremos cerrar en banda a facer un só estilo ou falar dunha soa cousa. Gústanos falar do que sentimos e transformalo en música máis intensa como en Brétema ou Ráchame e tamén en festa, como pode ser Nómadas ou Moita Leria, dúas cancións que falan do amor que sentimos por esta profesión.

E que nos vos gusta?

Pois esta noite imos tocar un tema novo, moi indicado para este día, que fala de todo o que non nos gusta, que pode ser o trato que ten certa xente na industria e tamén fóra. Somos un grupo de rapazas moi novas e temos que lidiar con moitas cousas no persoal e como grupo. A canción reflexa esas actitudes superiores de xente que se cre máis que nadie, que non respecta ás mulleres e ao noso colectivo. Non temos pensado calar estas cousas porque é parte da nosa mensaxe.

Can difícil o tedes na industria?

Somos un grupo enteiro de mulleres do colectivo LGTBIQ+, con diversidade sexual e física. Non somos normativas e tampouco queremos selo. O temos complicado na música e na vida, hai todavía moito que avanzar. Unha mensaxe moi clara que queremos transmitir é que dá igual como sexas ou o que che guste, queremos que as nenas que veñan detrás nosa teñan unha referencia e a forza suficiente para seguir o seu soño, que é o que facemos nós.

Hoxe actuades para celebrar o Día da Visibilidade Lésbica. Falta moito por avanzar?

Quen organiza todo iste ten que ser do colectivo, pero isto teno que apoiar toda a sociedade porque queremos normalizalo e que non sexa criminalizado. A cousa cambiou radicalmente para a xente nova, están a normalizar moito todo isto. Pero hai que traballar para seguir adiante, moita xente e nós como grupo do colectivo vivimos certos comentarios que hai que erradicar e iso faise loitando polos nosos dereitos.

O voso estilo e a vosa estética lembran a Ginebras. Hai algunha influencia?

A idea de vestir de cores pega moito co tipo de música que facemos, queremos transmitir diversión, felicidade e bo rollo. Ginebras son referentes claras para nós, admirámolas, son un pouco o que facemos pero a nivel nacional. Calquera que veña a ver o noso directo vai ver que somos un grupo de mulleres que cantan e fan o que lles peta e non lle teñen medo a nada.

Estaredes en maio no Corufest, en xuño no Aquí Tamén se Fala... A cousa está a crecer.

Levamos dous anos traballando moito para ter un bo directo. Agora empezan a chegar as cousas un pouco máis grandes pero seguimos cos pes na terra. Tocar nun festival tan importante para a cidade como o Corufest no que precedéronnos artistas como Mondra é un orgullo. E estamos nunha nube co de Aquí Tamén se Fala, compartimos cartel con xente que escoitamos diariamente. Tamén estamos moi implicadas no proxecto, é moi importante porque o están facendo rapaces moi novos de institutos, que son o noso futuro. Eles son os que teñen que consumir a música en galego e mantela viva.