Entrevista | Artur Trillo Director da compañía Talía Teatro que estrea ‘Unha inimiga do pobo’ este venres e sábado no teatro Rosalía de Castro

“As relacións humanas son moi similares no século XIX e no XXI”

“Hai teatros en Galicia que para nós son referentes, como o Rosalía de Castro”

Artur Trillo, onte, no teatro Rosalía de Castro.   | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Artur Trillo, onte, no teatro Rosalía de Castro. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / Ana Carro

Unha inimiga do pobo, a obra que Talía Teatro estrea esta fin de semana no teatro Rosalía de Castro, nace dun texto de Herik Ibsen que ten máis de cen anos, pero cuxo tema segue de actualidade: os beneficios económicos sobre a saúde da poboación. O espectáculo, que conta coa axuda á creación escénica da Axencia Galega das industrias culturais (Agadic), ten a Tito Asorey como director e Marta Lado como protagonista. O director da compañía, Artur Trillo, explica o significado da peza, a importancia do espazo no que estrean e a traxectoria de Talía Teatro.

Por que escoller este texto de Henrik Ibsen?

Moitas das razóns que temos para escoller un texto ou outro teñen que ver ca estrutura do elenco. Tiña claro que quería facer un espectáculo de gran formato, con nove actores, así que á hora de buscar propostas xa estás moi condicionado. Queremos textos que nos gusten, que nos digan algo. Un inimigo do pobo, que é o título orixinal, xa estaba no caixón. A Tito Asorey tamén lle gustou. Decidimos adaptalo á actualidade por unha cuestión de vixencia. A obra orixinal ten un carácter moi universal e transcende ás épocas. O que se conta pasou no século XIX, no XX e no XXI e vai pasar sempre. Transcorre na Galicia actual e cremos que é máis directo así.

O conflito é moi parecido ao orixinal: un balneario coas augas contaminadas.

Si. A cuestión é se iso se fai público ou non. Se é público, as perdas económicas son grandiosas. Pero se non se conta, a saúde da xente vai quedar moi mermada. É un tema moi candente. Sobre todo despois dunha pandemia na que o tema da saúde foi fundamental. Tivemos circunstancias moi similares: se había que abrir os bares, se había que ir a traballar a risco de contaminarte, pero a economía non podía parar. Esa reflexión aínda non está moi clara. Pasa con celulosas en Pontevedra. Contaminamos a ría? E os postos de traballo? É un debate moi grande. Que pasaría se se descobre petróleo en María Pita? Estou esaxerando, pero non se sabe o que habería que facer. Nós queremos que se abra esa reflexión no espectador.

O teatro volve demostrar que hai temas que seguen de actualidade aínda que pasen os anos?

Si, claro, ten esa dimensión. É difícil que aparezan novos conflitos humanos. Son de toda a vida. As relacións humanas e como se comportan as persoas son moi similares no século XIX e no XXI. Sempre houbo corrupción. Hai valores e prexuízos que están presentes na historia da humanidade. O teatro ten a función de retratalos.

Por que elixir a Tito Asorey para a dirección?

Unha das constantes da compañía é que invitamos a directores de fóra. Cando non actúo, dirixo, pero cando actúo, invitamos a outra xente. Tamén para ver outras maneiras de dirixir. Traballamos moi a miúdo con Cándido Pazó, Paula Carballeira, Xulio Lago... Nunca chamaramos a Tito Asorey, aínda que tamén é un director moi novo. Parecéronnos interesantes os traballos que fixo nos últimos anos. A súa maneira de traballar podía ser beneficiosa e interesante para nós. É unha maneira de saír da burbulla de funcionamento, da nosa comodidade.

A estrea é no Rosalía de Castro. Por que este escenario?

A verdade é que cando escollemos un espazo para estrear o pensamos moito. Gústanos estrear nun sitio que nos arroupe. Non é o mesmo estrear no Rosalía que ir a unha vila pequena que non teña dimensión teatral ou sen programación estable. Gústame que a estrea sexa ante un público acostumado a ir ao teatro. Hai teatros en Galicia que para nós son referentes, como este. Buscamos que os espazo escollido nos aporte algo.

A compañía ten máis de 30 anos. Iso tamén é un éxito nestes tempos?

Penso que si. É unha constancia de traballo. Somos unha compañía que damos pasos moi pequenos. Empezamos no 88 como compañía de teatro afeccionada, sen vocación de ningún tipo, só porque nos gustaba o teatro. No 96 dimos o salto ao teatro profesional. E, a partir de aí, os pasos que demos foron moi pequenos. Nunca quixemos comernos o mundo. Esta compañía ten o seu espazo de traballo, somos 11 ou 12 persoas, e queremos ser estables. Agora temos 8 espectáculos en repertorio atendendo a públicos moi diversos. A nosa vocación é que a xente que está na compañía teña unha estabilidade e poida vivir disto os 365 días do ano.

O entretemento sempre vai acompañado de reflexión?

Case sempre. Cando fas un espectáculo, non queres que só sexa para que a xente o pase ben, aínda que iso xa é moito, queres que aporte algo. Queremos que ese afán pedagóxico pase de puntillas, que o espectador non se dea conta.

Suscríbete para seguir leyendo