Entrevista | Fran Sieira Bailador e creador de ‘DeMente’

“Co baile recreamos como alguén cun trastorno mental loita por aparentar”

“O detonante da obra foi a demencia do meu avó, que repetía coplas tradicionais en bucle”

Os oito bailaríns de ‘DeMente’, con Fran Sieira de segundo pola dereita.   | // BEA BESADA

Os oito bailaríns de ‘DeMente’, con Fran Sieira de segundo pola dereita. | // BEA BESADA / Enrique Carballo

Fran Sieira Compañía de Danza será o grupo responsable de abrir este sábado ás 20.30 horas e no Rosalía de Castro o festival TRC coa obra DeMente, unha peza que emprega a linguaxe do baile tradicional galego para falar da enfermidade mental. Fran Sieira, creador da idea da obra, é tamén un dos bailadores.

A idea da peza sae das súas propias experiencias persoais.

O meu avó tivo unha demencia senil moitos anos. Nos últimos anos tiña un pasiño así, moi arrastrado, que me lembraba a un paso de baile tradicional. E repetía unha serie de coplas tradicionais, catro ou cinco, desvirtuadas e levadas ao seu mundo, coas que estaba desde que amañecía ata que anoitecía, en bucle. Foi o detonante. Tamén tiven un primo ao que lle foi diagnosticada unha esquizofrenia, e sempre tiven o sentimento de que na sociedade mirabamos para outro lado, intentabamos que as persoas cun trastorno da saúde mental intentaran estar ben. Visto desde fóra, a unha persoa que manca unha perna non lle dis “anda ben”. Terá que facelo como pode.

Investigou para crear a obra?

Fíxeno en plena pandemia; que fai un bailarín encerrado na casa? Entrevisteime con psiquiatras, psicólogos, asociacións... Inspiroume o documental Fóra, sobre a evolución do psiquiátrico de Conxo. Fala de que moito tempo atrás os psiquiátricos eran practicamente cárceres onde o enfermo era recluído sen outra esperanza. O que queriamos era aportar un gran de area: que a obra remova e faga pensar. Todo o mundo, nalgún momento, pode padecer cadros de estrés, ansiedade, depresión...

A obra fala da saúde mental ou de como a vemos como sociedade?

Pretendemos escenificar, sen chegar á caricaturizar, como a vida dunha persoa que sufre un destes trastornos de cara á sociedade. Esa loita por intentar estar, intentar adaptarte, intentar aparentar... E ao tempo, padecer e ter esa loita interior.

Usan música e baile galegos.

Eu son bailador desde os oito anos, para min a miña maneira de expresión corporal é o baile tradicional. O noso acento é puramente galego. E coa música, igual. Tiramos de melodías, cantares, ritmos de diferentes zonas de Galicia, desde un folión de Vilariño de Conxo a unha muiñeira dos Ancares.

A danza tradicional galega permite logo falar da saúde mental?

Para min, o baile tradicional galego, esa linguaxe de movemento propio noso, de baile solto, é súper amplo e súper rico. A danza clásica, española, flamenco, están máis abertas a outros campos, e o baile tradicional galego ten cualidades máis que suficientes para atrevernos a xogar dende outros puntos, sempre con respecto. Non fago unha muiñeira dos Ancares, pero si uso os pasos para levalos a unha dramaturxia. Non é doado, pero pódese empregar como calquera linguaxe do movemento.

Veñen á Coruña coa versión de gran formato, oito bailaríns.

Eu caracterizaría a DeMente como unha peza grupal: hai algún dúo, algún solo, pero non lle restan protagonismo ao resto do elenco.

Visten todos a mesma roupa.

Cando fixemos o proceso de investigación entrevisteime coa psiquiatra Lucía del Río, que me dixo algo que foi clave para crear a obra. Pediume que non o levásemos polo eido escuro, pois sempre se pensa destas enfermidades que é algo tétrico, que esperta medo. Quixémoslle dar un halo de luz, de esperanza: os que padecemos algún tipo de trastorno temos dereito a ter unha vida digna. Empezamos da maneira máis crúa e dura, pois levamos roupa interior cor carne coa que parece que estamos espidos. Escenificamos un amalgamento de corpos ao que, dicían, se parecían os hospitais psiquiátricos. Logo levamos uniformidade cunhas gabardinas,a dos pixamas dos centros de reclusión. Finalmente despoxámonos delas e aparecemos cun vestiario máis claro, con máis luz.

E a iluminación?

A luz di moito, encamíñanos todo o tempo pola dramaturxia. Vai da escuridade inicial ata unha parte máis vermella que nos leva pensar en mil cousas e non saber ordenalas, e finalmente unha máis branca e máis limpa que nos leva á liberación. Un paciente do psiquiátrico de Conxo dicía que o baile liberaba os corpos das camisas de forza químicas.

Suscríbete para seguir leyendo