Ecodicionario galego

61. Bionomía

Ecodicionario galego.

Ecodicionario galego. / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. f. Conxunto de regras que vinculan os seres vivos coa súa contorna, así como a disciplina científica que as estuda. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Cartografía bionómica: disciplina da bioloxía encargada de representar as especies e as comunidades biolóxicas no lugar que ocupan nun substrato ou hábitat determinado. Hábitat: dominio xeográfico propio para a vida dunha determinada especie. Biótopo: espazo que presenta uniformidade en canto ás condicións necesarias para a existencia dunha comunidade animal e vexetal determinada. A primeira destas definicións non aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a verba bionomía foi introducida na linguaxe científica en 1853 polo filósofo e matemático francés Auguste Comte (1798–1857), pai da filosofía científica moderna e un dos grandes piares do desenvolvemento tanto da socioloxía como dos primeiros estudos en ecoloxía moderna. Dentro dunha clasificación máis ampla da ciencia, Comte dividía a bioloxía en partes: a biotomía (ou filosofía anatómica), a biotaxia (ou filosofía biotáxica, isto é, a clasificación dos seres vivos), e a bionomía (propiamente a fisioloxía, que actualmente equivalería máis ben a ecoloxía). Así e todo, no referente ás relacións das especies cos seus hábitats, xa o filósofo grego Aristóteles (384 a. C.- 322 a. C.) describiu nos libros V, VI, VII e IX da súa magna obra Historia dos animais os ambientes propios de numerosos seres vivos, que relacionou con diferentes actividades e ciclos vitais. Durante máis de mil anos estas publicacións influíron nos estudos zoolóxicos, ata que o naturalista suízo Conrad Gessner (1516–1565) publicou a súa propia Historia dos animais e tamén a Historia das plantas, que sentaron as bases da zooloxía e da botánica modernas.

Por que está en voga esta palabra?: a bionomía ten un papel central nos estudos ecolóxicos modernos. A cartografía bionómica , baseada na elaboración de inventarios de especies nun biótopo determinado, serve para identificar e xeorreferenciar as comunidades alí asentadas (biocenoses). Estes estudos bionómicos son fundamentais en traballos de seguimento ao longo do tempo: con eles pódense analizar os cambios nas biocenoses e relacionalas con cambios ambientais, provocadas polas actividades humanas ou mesmo polo cambio climático. Exemplos de estudos bionómicos son os dos arrecifes de coral de mares tropicais, nos que se comprobou ao longo do tempo o “branqueamento” progresivo destes animais coloniais debido á acidificación dos océanos. Tamén é bionomía aqueles seguimentos da proliferación de especies exóticas invasoras, como o caso de algas como Rugulopterix okamurae, Caulerpa taxifolia ou Caulerpa racemosa, que están a comprometer a conservación dos fondos mariños do Mediterráneo, e, tamén, do Atlántico ibérico.