Aspronaga loita contra a fenda dixital a través da formación en competencias informáticas

A entidade aposta por estas iniciativas para incentivar a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento

Cedida – A clase Azul do CEEPR. Nosa Sra. de Lourdes- Aspronaga traballa na aula con medios cen por cen dixitais

Cedida – A clase Azul do CEEPR. Nosa Sra. de Lourdes- Aspronaga traballa na aula con medios cen por cen dixitais / LOC

B.C.

Susi formouse para realizar tarefas na profesión de pasteleira, e tamén levar os temas de contabilidade. A súa compañeira Noelia, pola súa banda, aprendeu a crear a súa propia páxina web para presentar candidaturas a ofertas de traballo. Uxía garda na nube os apuntes do certificado de pastelería que realiza no CEIFP Paseo das Pontes, para poder acceder a eles tanto dende a aula como dende a súa casa. 

Estas tres rapazas, xunto co resto de alumnado da clase Azul, do centro educativo de Aspronaga, son un exemplo de como a transformación dixital resulta unha oportunidade real para a inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, tanto no eido laboral coma no social. Trátase en definitiva de promover cambios nos puntos de vista de todas as persoas que conforman a organización: persoas con discapacidade intelectual, familias, profesionais, directivos....

Consciente deste feito, a entidade coruñesa traballa dende fai anos por dotar de capacidades tecnolóxicas ao colectivo, xa que na actualidade aínda existen múltiples barreiras que dificultan o seu acceso á tecnoloxía nas mesmas condicións que o resto da sociedade. 

Unha mostra dos esforzos no obxectivo de reducir a fenda dixital é a participación este ano de Aspronaga nunha iniciativa dixital para incentivar a autonomía do colectivo cos aparellos electrónicos. 

Trátase da impartición do curso de Adquisición de Competencias Dixitais para Persoas con Discapacidade Intelectual’, unha plataforma formativa en liña creada a raíz do Proxecto de Transformación Dixital para a Inclusión, despregado por FADEMGA Plena inclusión Galicia, coordinado por Plena Inclusión España e financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno e os fondos europeos Next Generation. 

Esta formación ten como propósito favorecer a autonomía, a sociabilidade e o acceso ao traballo das persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de capacitalas no uso da informática. Para este propósito, sérvese dun método innovador de ensinanza de competencias dixitais que se desenvolve en Moodle e que está dentro do marco Europeo de Competencias Dixitais, coñecido como DigComp 2.2. 

O alumnado traballará cinco áreas de competencias: información e alfabetización dixital, a comunicación e colaboración, a creación de contidos dixitais, a ciberseguridade e a resolución de problemas. 

Experiencias dixitais

Unha das primeiras iniciativas de Aspronaga neste senso foi a participación no proxecto Líderes dixitais, destinado a mellorar as capacidades tecnolóxicas das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e a fomentar a súa inserción laboral, grazas o cal se formaron un total de 33 persoas. 

Por outra banda, a asociación tamén promove iniciativas de identidade propia como a creación de produtos de apoio con impresoras 3D, un innovador proxecto que se leva cabo en colaboración con outros centros educativos da contorna. 

A participación de Aspronaga en todos estes proxectos dixitais é súa maneira de loitar contra a fenda dixital, que resulta ser unha das principais causas que levan á discriminación do colectivo.