68. Limpeza

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Acción e efecto de limpar, isto é, deixar libre de manchas ou sucidade, ou quitar aquilo que pode ser prexudicial ou molesto. Esta definición aparece (en varias acepcións) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Arrasamento: acción e efecto de arrasar, isto é, destruír completamente un territorio causando grandes estragos. Artificial: feito ou producido pola arte ou a industria e non pola natureza. Rozar: cortar (toxo, silvas, fentos etc.) nun terreo. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Esta verba ten relación coa conservación da natureza en dúas vertentes: a primeira, relativa a que os espazos naturais limpos, sen lixo, presentan maior calidade ambiental que aqueles con problemas de verteduras. Son imprescindibles a eliminación de puntos de acumulación de lixo no territorio, fomentando a creación de puntos limpos, mellorando a recollida selectiva en poboacións e, tamén, con accións colectivas puntuais de limpeza de masas de entullos. Así e todo, limpeza tamén pode relacionarse con accións de eliminación daquela vexetación “inútil”, “fea” ou “molesta” para o desenvolvemento de determinadas actividades humanas, ou se ameazan poboacións en caso de incendiarse. Isto último está regulado pola Lei de Montes galega, se ben en ocasións as accións de limpeza de vexetación ocasionan datos á fauna: as rozas de arbustos entre o 15 de abril e o 31 de xullo poden destruír niños activos de aves protexidas, ademais doutros pequenos vertebrados e innumerables invertebrados. En todo caso, as rozas deberían realizarse a finais do inverno, para evitar estes danos.

Por que está en auxe esta palabra?: Tras asolagamentos de construcións e vías preto de cursos de auga fálase de limpar o río. Non é tanto retirar lixo e entullos do curso de auga, senón quitar troncos e ramallada da canle do propio río, dragar o seu fondo e mesmo cortar o arborado de ribeira. En realidade, estas limpezas antiasolagamentos son innecesarias, e mesmo contraproducentes, como o aseveran decenas de científicos. Un deles, o profesor de Xeografía da Universidade de Zaragoza Alfredo Ollero Ojeda (n. 1964) ven defendendo desde hai décadas que estas limpezas son destrutivas, non serven para reducir os riscos de inundación e poden orixinar graves consecuencias no espazo fluvial. Ademais, di que son medidas placebo que durante décadas, e mesmo séculos, tomaron os poderes públicos para facer ver á poboación que facían algo contra as enchentes. Segundo o profesor Ollero, a solución é urbanística, e pasa por non autorizar infraestruturas nas chamadas zonas de fluxo preferente de ríos, isto é, áreas que o río asolaga cando menos unha vez cada 100 anos. En resumo, “hai que dar máis espazo ao río para adaptar o territorio a alagamentos, e rexenerar a vexetación de ribeira”.