Ecodicionario galego

69. Plástico

Plásticos en la orilla del mar

Plásticos en la orilla del mar / Greenpeace

Cosme Damián Romay Cousido-Biólogo

Definición: s. m. Mestura de elementos sintéticos que ten como base unha materia que se moldea con facilidade pola acción da presión e da calor. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Artificial: feito ou producido pola arte ou a industria e non pola natureza. Polímero: composto químico orgánico de elevada masa molecular, que se obtén mediante a unión de monómeros repetidos. Polución: acción e resultado de contaminar o medio, a atmosfera, por efecto dos gases ou dos residuos industriais e domésticos. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: o plástico foi inventado en 1907 polo químico estadounidense de orixe belga Leo Baekeland (1863-1944). Este científico sintetizou por primeira vez unha substancia (que denominou baquelita) que se podía modelar coa calor (“plástica”) e que, unha vez fría, convertíase nun material resistente e illante. Desde entón, o plástico tornouse omnipresente no planeta, producíndose no período 1907-2015 arredor de 7800 millóns de toneladas deste material. Só en 2018 saíron das fábricas 359 millóns de toneladas de plástico, o 90% deles producidos a partires de combustibles fósiles. Se ben o plástico é extremadamente útil no noso día a día, os residuos deste material artificial son problemáticos: unha botella de plástico tarda entre 400 e 1000 anos en descompoñerse, e cada minuto son usadas un millón de botellas deste material no mundo. Tamén cada minuto, 500.000 millóns de bolsas de plástico son usadas na Terra. A plastificación do mundo é unha realidade, e o ritmo é crecente. Máis de 8 millóns de toneladas de residuos plásticos acaban nos océanos cada ano, e a cifra vai a máis. Se o crecemento se mantén, os océanos conterán máis plástico que peixes en 2050, segundo predín as Nacións Unidas. O 42% dese plástico corresponde a obxectos dun só uso.

Por que está en voga esta palabra?: en 2022 as Nacións Unidas fixaron como grande obxectivo global acabar cos plásticos dun só uso en 2030, acadando compromisos firmes de máis de 200 países. A reciclaxe dos plásticos é posible pero non está optimizada: menos dun terzo dos plásticos a nivel español logran reciclarse. Como alternativa, as bolsas biodegradables (isto é, que poden ser descompostas pola acción de seres vivos) comezan a gañar mercado. En todo caso, debería mellorarse a tecnoloxía empregada na súa fabricación: segundo a revista Environmental Science and Technology, as actuais bolsas biodegradables chegan a estar intactas ata tres anos despois de enterralas. Os chamados “bioplásticos compostables”, feitos a partires de materias primas vexetais, logran degradarse case á mesma velocidade que a madeira e as follas, pero teñen resistencias ao uso moito menores que os plásticos estándar.

Suscríbete para seguir leyendo