Ecodiccionario

70. Ghedeísmo

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. m. Pensamento filosófico (case relixioso) que defende a existencia dun espírito ou forza que mantén as cousas conectadas, para que así poidan vivir en espazos comúns na Terra. Esta definición non figura no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Simbioceno: era do futuro da Terra na que, idealmente, os seres humanos reproducirán, en todos os aspectos da súa vida, os equilibrios simbióticos que se atopan nos ecosistemas. Antropoceno: época máis recente do período cuaternario na que as actividades humanas empezaron a provocar importantes e permanentes cambios biolóxicos e xeofísicos a escala mundial. Mutualismo: interacción de dous seres vivos de especies distintas con beneficio para ambos. Relixión: conxunto de crenzas e prácticas propias dun grupo social, que atinxe ás súas relacións. Estas definicións, agás a primeira, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: as palabras ghedeísmo e a relacionada ghedeísta, vencelladas a ese pensamento de “espírito conector” na natureza, foron creadas hai menos dunha década por un profesor emérito en sustentabilidade, o australiano Glenn A. Albrecht (n. 1953). Aínda que son neoloxismos, a etimoloxía destas verbas é indoeuropea, baseada na raíz ghehd, isto é, unir (comparar coa palabra inglesa together). Así e todo, a idea da conexión espiritual dos distintos elementos nun territorio non é nova: a ecóloga australiana Elyne Mitchell (1913–2002) publicou nos anos 40 varios traballos sobre o “vínculo vivo” entre as raíces das plantas e o crecemento de fungos, que foi ampliando para describir tamén conexións entre os ritmos de vida dos aborixes do seu país e os elementos dos lugares onde vivían. Tanto Mitchell como Albrecht subliñaban que as relacións humanas co seu medio deberían pivotar en sentimentos de afinidade e empatía por outros seres e coa súa contorna, e propugnaban que as ideas de conexión (“boas”) deberían prevalecer sobre as de desintegración (“malas”).

Por que está en voga esta palabra?: a constante crítica de Albrecht ao actual Antropoceno —coas súas ideas de desintegración social e ecolóxica— vai parella a unha chamada a comezar o Simbioceno —na que primaría a conexión e o reencontro coa natureza—. O ghedeísmo non sería máis que un medio para chegar a ese gran cambio colectivo na humanidade que propiciaría o comezo da era simbiocénica. Aínda que o sentimento de espiritualidade apartaríase da ciencia e se acercaría á relixión, cómpre lembrar que realmente existe unha “forza ecolóxica” que, de xeito intanxible, “une” aos seres vivos. Estas interconexións entre os elementos son complexas e permiten a súa autorregulación e pervivencia a longo prazo. Isto conecta coas bases teóricas da hipótese Gaia, formulada a mediados do século XX polo científico inglés James Lovelock (1919–2022).