Ecodicionario galego

75. Compostaxe

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: Conxunto de técnicas que facilitan a correcta maduración de mesturas de restos vexetais e de alimentos xa descompostos, utilizados para mellorar as propiedades físicas, químicas e biolóxicas do solo e así servir de fertilizante das plantas. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Residuo: parte sen valor que queda ou se desprende de algo e que ten pouca utilidade ou ningunha. Biogás: gas composto principalmente por metano (CH4) e dióxido de carbono (CO2), en proporcións variables, resultante de distintos procesos de descomposición anaerobia da materia orgánica. A primeira definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Máis da metade do lixo xerado en Galicia é materia orgánica biodegradable: medio millón de toneladas ao ano, a razón de medio quilo por persoa e día. Nesta categoría inclúense principalmente restos de comidas e refugallos de cultivos, podas e céspedes. É unha fracción húmida e libre de substancias tóxicas, que pode ser reciclada mediante procesos naturais para crear abono para plantas: isto é, compost. Este compost vense facendo desde hai séculos no rural, pero ata 1991 a totalidade da materia orgánica en contornas non rurais non se separaba convenientemente e ía parar a vertedoiros. Desde 1992, a implantación da incineradora de SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente) aproveitou eses residuos orgánicos (e o biogás que producían) para xerar enerxía eléctrica. Levar lixo a SOGAMA desde a infinidade de núcleos de poboación de Galicia é caro e altamente contaminante, polo que xa no século XXI instouse aos concellos galegos a desenvolver iniciativas de compostaxe “in situ” (no lugar) realizada con contedores especiais semiestancos chamados composteiros. A compostaxe “in situ” pode ser doméstica (nun fogar) ou comunitaria (nun único composteiro grande para a veciñanza, situado habitualmente nunha praza ou parque).

Por que está en auxe esta palabra?: Hoxe en día, existen milleiros de composteiros en Galicia. Incluso deseñáronse lumbricomposteiros para fogares sen acceso a horta, nos que se realiza a compostaxe pola acción de miñocas da especie Eisenia foetida. Existen cursos impartidos por mestres e mestras composteiros a nivel galego (asociación Agamec), e tamén hai facilidades para a distribución de composteiros domésticos. En 2021, a maior parte dos concellos galegos estaban adheridos aos programas de compostaxe in situ de Spgama, se ben grandes cidades como A Coruña tiñan fórmulas propias. Concellos como Vilaboa lograron en só catro anos xestionar in situ o 75% da materia orgánica residual dos seus habitantes, evitando o transporte de centos de toneladas de residuos ata Sogama para ser incinerados. Deste xeito, só en Vilaboa deixáronse de emitir anualmente 230 toneladas de CO2 á atmosfera.