Ecodicionario galego

77. Solastalxia

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Melancolía ou sensación de desolación, mesmo patolóxica, que as persoas teñen cando a súa contorna (física ou social) é alterada ou degradada. Combina a verba latina sôlâcium (consolo) coa raíz grega -algia (dor). Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Antropoceno: época máis recente do período cuaternario na que as actividades humanas empezaron a provocar importantes e permanentes cambios biolóxicos e xeofísicos a escala mundial. Ecocidio: calquera acto ilícito ou arbitrario perpetrado a sabendas de que existen grandes probabilidades de que cause danos graves e permanentes no medio ambiente. A primeira definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Solastalxia é un neoloxismo proposto en 2005 polo australiano Glenn A. Albrecht (n. 1953), profesor emérito en sustentabilidade ambiental. A verba tivo unha aceptación rápida e ampla, desde o ámbito do naturalismo ao da psicoloxía, pasando pola socioloxía. Solastalxia é unha palabra válida para explicar sentimentos de desolación individual ou colectiva en relación aos seguintes cambios: a) o abandono do rural, coa perda de paisaxe en mosaico, usos gandeiros e biodiversidade asociada; b) o cambio climático, coa recorrencia de secas e eventos catastróficos; c) a entrada incontrolada de especies exóticas invasoras, que provocan alteracións nos hábitats e a desaparición de especies nativas; d) os macroproxectos, sexan mineiros, viarios ou enerxéticos, coa polución asociada e a degradación paisaxística; e e) a turistificación de vilas e cidades, que masifica barrios enteiros, aumenta ruído, multiplica molestias e despraza residentes con rendas medias ou baixas.

Por que está en auxe esta palabra?: O concepto de solastalxia foi incluído no ano 2015 nun artigo da prestixiosa revista médica The Lancet: existían evidencias que o cambio climático non só provocaba doenzas de xeito directo, senón que as mudanzas ambientais derivadas dese cambio climático provocaban un desgaste psíquico solastálxico na poboación humana de áreas afectadas. Nos anos seguintes empregouse a palabra solastalxia tamén a nivel galego: a perda do mosaico rural en moitas áreas, convertidas agora en monocultivos de eucaliptos, provoca solastalxia. Os parques eólicos (co seu impacto visual e danos a hábitats e especies polas pistas e liñas eléctricas asociadas), así como a impresionante proliferación de especies exóticas invasoras (por exemplo, plumachos da Pampa, acacias ou os propios eucaliptos) tamén explicaría a solastalxia de moitos galegos e galegas. Esta melancolía ecolóxica e social é xa global: a obra Solastalgia: An Anthology of Emotion in a Disappearing World (Solastalxia: unha antoloxía das emocións nun mundo minguante), editada o ano pasado polo astrónomo e escritor estadounidense Paul Bogard (n. 1966), ven advertindo que o deterioro do planeta é letal tamén para o noso ánimo.