Entrevista | Xurxo Souto Autor do libro ‘Somos un pobo de artistas. O Método Luísa Villalta’, que presenta hoxe no Circo de Artesáns

“A visión do mundo de Luísa Villalta era punki e rupturista”

“Se acode moi pouco á visión de Luísa como teórica

“A literatura galega está mal explicada. Ten moi boa letra, pero falta a música

Xurxo Souto, co seu libro ‘Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta’   | // CARLOS PARDELLAS

Xurxo Souto, co seu libro ‘Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta’ | // CARLOS PARDELLAS / Jacobo Caruncho

Que Galicia é un pobo de artistas é ben sabido. Pero non todas as artes foron e son igual de valoradas ao longo da nosa historia e na actualidade. Porque Galicia é un pobo de músicos e a literatura sen a música non se entende. Sobre iso reflexionaba a homenaxeada das Letras Galegas deste ano, Luísa Villalta, no seu libro O outro lado da música, a poesía, punto de partida do último traballo do escritor Xurxo Souto. “Ese libro cambioume a vida”, asegura o tamén docente e artista, que presenta hoxe no Circo de Artesáns (12.00 horas) o seu libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, co que rende homenaxe á escritora.

Somos un pobo de artistas. O título do seu libro é xa toda unha declaración de intencións.

É un título manifesto, punki e rupturista. Hai toda esa tradición de tópicos escuros dicindo que eramos un pobo pusilánime e morriñoso e non, somos un pobo cargado de forza vital e de talento. Coma todos os pobos do mundo.

E Luísa tamén era así, punki e rupturista?

Era, era. Temos esa imaxe dela absolutamente plácida, porque por outra banda era unha rapaza elegante, era un sorriso, era unha presenza de amor. Pero a súa visión do mundo era punki e rupturista. Comezando coa propia idea que tiña da poesía. O que se entende pola poesía é só unha parte. A poesía é moito máis e sempre ten que estar relacionada coa música. E fronte a outros, ela buscaba sempre esa emoción.

Temos entón mal entendida a poesía galega?

A literatura galega está mal explicada. Ten moi boa letra, pero falta a música. Luísa Villalta no seu libro O outro lado da música, a poesía explica todo o estudo da literatura galega en clave musical. Ese libro saíu en 1999 e por desgracia pasou desapercibido. Agora, con todas estas pompas que está recibindo por todo o seu mérito, vexo que se acode moi pouco á visión de Luísa como teórica. En esencia, a música e a poesía son o mesmo. Cal é o primeiro monumento da literatura galega? As cantigas medievais. Como se poden explicar as cantigas sen música? Cal é o gran monumento do Rexurdimento? Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Non pode ser máis claro.

Di que foi un libro que pasou desapercibido, pero non por vostede. Que lle supuxo a súa lectura?

Ese libro cambioume a vida. Dinme de conta de que estábanme explicando mal a literatura. Eu creo que non estamos entendendo ben a Luísa Villalta. Ela moveu os marcos da poesía e temos que deixar que entre ese tsunami de música que ela propugnaba. Tiña unha vontade transgresora que se non a entendemos non estamos entendendo a esta poeta.

Que tipo de propostas facía Luísa nese libro?

Facía propostas alucinantes e marabillosas. Por exemplo, compara a Álvaro Cunquero con Bela Bártok. Os dous acudían a elementos populares ou arcaicos, pero non cunha volta ao pasado, senón como unha forma de modernidade.

E a poesía de Villalta, entón, é música?

De Luísa Villalta sempre fálase como magnífica poeta, narradora e autora de teatro, pero ela proclama unha forma diferente de entender a literatura, dende a dimensión musical. A literatura e a música son o mesmo. Iso faino dende unha forma teórica, pero toda a súa poesía é música, comezando xa polos seus títulos: Música reservada, Ruido... e os seus versos. Hai unha parte dun verso que dedicou á Coruña, Cidade tatuada na pétrea pel do mar, que é pura musicalidade, acentos, aliteracións. A súa obra é un manifesto de futuro.

Hai autores contemporáneos que xa fusionan esa música coa poesía.

Hai autores que fan que eses camiños se crucen. Non é que poñan música de fondo nos seus versos, senón que a música está na propia esencia da súa poética.

Tamén hai obras que co paso do tempo pasaron a máns de músicos, que colleron esas letras para facer música con elas.

Isto é unha espiral. Rosalía chega un día, escoita unha canción, Campanas de Bastabales, en orixe interpretada cunha pandeireta. Logo desenvolve un poema sobre esa base e logo chegan músicos que lle poñen unha nova melodía, Amancio Prada ou Los Tamara. E esa espiral da cultura é marabillosa. O que pasa é que a poesía feita para a música sempre se considera un arte menor. De feito, aos que escriben poemas para música non se lles chama poetas, se lles chama letristas. Aí hai unha visión elitista.

Fala de artistas musicais que axudan a manter a nosa cultura popular. Pero fálase diso nas aulas cando se aborda a literatura?

Somos un pobo de artistas e na cultura popular está a emoción que debemos reivindicar e compartir. Pucho Boedo ou Los Tamara tiveron unha grande importancia para divulgar a poesía, pero sen embargo en ningunha clase de lingua ou de literatura ninguén nos falou deles. Abramos a mente. A música non é un arte menor. A música non é alta ou baixa cultura, transmitir a súa emoción é o logro absoluto, é a clave da felicidade como Luísa proclama. Ela mesma era violinista e tiña un grupo de música, Escaino.

Está a falar de música, e esta mesma noite presenta novo disco no Garufa xunto á Orquestra Bravú Xangai. Que teñen preparado?

Hoxe é un día de furia. A desta noite vai ser a primeira festa vigocoruñenta. Vigo e A Coruña son a mesma cidade, hai rivalidade entre o Dépor e o Celta, pero o que en realidade nos separa é un discurso ideolóxico de elites. Vigo e A Coruña son familias obreiras que viñeron das aldeas para traballar no mar.