Ecodicionario galego

79. Biodiésel

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. m. Combustible transesterificado de orixe vexetal e biodegradable, que pode ser empregado por motores diésel e para producir calor e enerxía. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Biogás: gas composto principalmente por metano (CH4) e dióxido de carbono (CO2), en proporcións variables, resultante de distintos procesos de descomposición anaerobia da materia orgánica. Transesterificación: en química orgánica, proceso de intercambio de grupos orgánicos dun éster cun alcohol. Diésel: motor de combustión interna que funciona con combustibles pesados e no que o acendido se produce por compresión. A terceira destas definicións aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A palabra diésel procede do apelido do enxeñeiro e inventor francés de orixe alemá Rudolf Diesel (1858-1913), e designa un tipo de motor térmico de combustión interna e autoignición (creado no ano 1893) e tamén unha variedade de combustible para este motor. Orixinalmente, para elaborar este combustible empregáronse diversos aceites vexetais; ao non ser hidrocarburos trasesterificados, non se poden considerar dentro da definición de biodiésel. Cómpre subliñar en 1893 xa había produción de compostos transesterificados, se ben estaban destinados para obter glicerinas para xabóns. Non será ata 1937 cando o químico francés George Chavanne (1875-1941) crea o primeiro biodiésel a partires de aceites transesterificados. Co tempo, substituíronse estes aceites por parafinas de menor prezo, comercializándose o que hoxe se coñece como gasóleo ou gasoil. Cómpre sinalar que as parafinas obtéñense a partires do cru do petróleo, grazas a un complexo proceso de refinado. O movemento naturalista leva décadas denunciando o elevado impacto ambiental da fabricación destes hidrocarburos, con millóns de toneladas de CO2 emitidas á atmosfera anualmente nos procesos de extracción de petróleo, transporte do mesmo e refinado. Estes procesos tamén implican derrames de cru, cun impacto directo en ecosistemas terrestres e, sobre todo, mariños. A “volta atrás” con este combustible, empregando de novo biodiésel, foi espoleada pola primeira crise do petróleo de outubro de 1973. A partires de entón, vehículos e caldeiras domésticas impulsadas por biodiésel comezaron a popularizarse por todo o mundo.

Por que está en auxe esta palabra?: “O pico na produción mundial de cru acadouse xa en 2006”. Esta afirmación data de 2011 e foi formulada polo economista turco Fatih Birol (n. 1958), economista xefe da Axencia Internacional da Enerxía. A frase sobre o “peak-oil” suxire que nos enfrontamos xa a unha “era post-petróleo”. O emprego de biodiésel en lugar de combustibles derivados do petróleo pode pasar de ser unha alternativa ecolóxica no consumo de hidrocarburos a ser unha necesidade nun contexto global onde xa non sexa economicamente rendible a extracción de cru.