A cultura LGTB salta do papel á pantalla nas bibliotecas da Coruña

O Fórum Metropolitano acolle un club de cine centrado na visibilidade do colectivo

A primeira cita será o martes 19 de marzo para falar de 'Dolores, guapa', dispoñible na plataforma Coruña eFilm

Diego Maseda, Gema Carballeira e Mon Rivas, onte na bilioteca do Fórum Metropolitano.   | //

Diego Maseda, Gema Carballeira e Mon Rivas, onte na bilioteca do Fórum Metropolitano. | // / MIGUEL MIRAMONTES

O poder tranformador da cultura é un dos grandes aliados que teñen os colectivos disidentes para que a súa realidade cale fondo na sociedade. Pero para que esta cultura alcance ao público, fan falta apostas firmes por parte dos servizos públicos. E as bibliotecas coruñesas teñen ese obxectivo ben integrado no seu ADN. Tras ser a primeira rede pública de Galicia en poñer en marcha un club de lectura LGTB, o servizo municipal dá o salto do papel á pantalla coa creación dun club de cine co colectivo como protagonista. E, de novo, volve a ser pioneira na comunidade galega con esta actividade.

“A iniciativa nace froito do compromiso das bibliotecas municipais de visibilizar ao colectivo LGTB en toda a oferta da rede”, comenta Diego Maseda, coordinador do club de lectura Queeruña, con dous grupos que reúnense unha vez ao mes na biblioteca do Ágora. O club de cine xurde como iniciativa do grupo de traballo formado por profesionais de distintas bibliotecas, que buscan facer unha oferta “máis descentralizada” do material LGTB e expandir as iniciativas por distintos centros da cidade. É por iso que este club de cine dá o salto do Ágora á biblioteca do Fórum Metropolitano, que durante tres sesións, ata maio, acollerá os encontros para charlar e debater sobre as películas seleccionadas.

A primeira cita será o vindeiro 19 de marzo ás 19.00 horas cun encontro centrado en ¡Dolores, guapa!, un documental sobre a importancia da tradición da Semana Santa para os homosexuais de Sevilla. “É un mundo completamente descoñecido. Cando ves a película cambias completamente a percepción e cáense tódolos prexuízos sobre a Semana Santa, Andalucía e os mariquitas”, avanza Mon Rivas, programador das proxeccións, que evita facer spoliers para invitar á xente a ver a peza e participar do debate.

Pero para estas quedadas, explica, hai que ir “cos deberes feitos”. As persoas que queiran participar do encontro deben ver antes a película, dispoñible a través da plataforma Coruña eFilm, na que as bibliotecas municipais ofertan un amplo catálogo de títulos audiovisuais.

“O cinema ten un poder transformador e un impacto enorme, é un motor de cambio social moi útil para remover conciencias”, defende Rivas. Un poder transformador que “está tamén nas bibliotecas”. “É importante que sexan un altavoz para as disidencias”, engade pola súa banda Maseda.

Ao coordinador do club de lectura e ao programador cultural súmase Gema Carballeira, a bibliotecaria do Fórum Metropolitano inmersa neste proxecto. “É unha iniciativa que facía moita falta. Temos uns contidos nas bibliotecas que é necesario que se saiba que existen e compartilos”, relata, para defender a importancia das bibliotecas municipais como apoio para o colectivo LGTB.

“Hai que abrirlle as portas, e ser soporte, as bibliotecas estamos para iso”, engade, sen esconder a “fantasía” que supón para ela traballar neste tipo de iniciativas xunto a axentes do sector cultural e outros compañeiros da rede de bibliotecas. “As bibliotecas podemos favorecer que se vexa que o colectivo está traballando para o propio colectivo”, conclúe a bibliotecaria.