Entrevista | Carlos Babío Novo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

“A visita que o Estado permite en Meirás é máis limitada que a que ofrecían os Franco”

“Se o memorialismo non reclama, a Memoria Histórica desaparece da axenda”

Carlos Babío, na praza de Lugo.

Carlos Babío, na praza de Lugo. / Miguel Miramontes

O historiador e activista memorialista Carlos Babío —coautor, xunto a Manuel Pérez Lorenzo, do volume Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio— é o novo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que ata o momento presidía Fernando Souto.

Cales son as prioridades para esta nova etapa? Falan da “sorprendente” simboloxía franquista que aínda conserva o Concello.

Hai dous bloques a reivindicar, que son fundamentais e van marcar a folla de ruta no tempo máis inmediato. O primeiro, a simboloxía. É sorprendente que, na cidade da Coruña, a pesar dos informes que hai, algúns deles, solicitados polo propio Concello, existan símbolos franquistas que ocupan lugares preeminentes dos espazos públicos da cidade. Esa simboloxía está marcada por episodios tremendos, con xente coas mans manchadas de sangue. É sorprendente que, a pesares de terse aprobado unha Lei de Memoria democrática que aborda esta cuestión, a cidade da Coruña sexa capital da simboloxía franquista a pesar da retirada de determinados elementos. Ese é un aspecto fundamental da nosa reivindicación. Non é comprensible que o Consello de memoria democrática leve sen reunirse eternamente, é que a memoria democrática non forme parte da axenda da cidade da Coruña. Outro aspecto da cidade que ten que ver co espolio é a cuestión da casa Cornide. Cada certo tempo, o Concello anuncia a presentación inminente da demanda para solicitar a devolución da casa Cornide, pero segue adiándose. Volverán cando políticamente consideren que é o momento de anuncialo, pero a demanda segue sen presentarse. Cada día que pasa, máis complica o proceso de devolución. Non hai explicación por parte do Concello para non presentar esa demanda. Por outra banda, está o pazo de Meirás. Se o asociacionismo memorialista non reclama, as administracións públicas e sacan da axenda a cuestión memorialista no que ten que ver co pazo de Meirás.

Por que non rematan de desaparecer estes símbolos da Coruña, despois de toda a labor previa abandeirada, en distintas etapas, polo propio Concello?

Primeiro, porque hai que facer traballo de pedagoxía. A historia de figuras de calado na cidade, como Alfonso Molina, ten esa memoria creada polo franquismo. A biografía de Alfonso Molina é a que creou o franquismo, e, como el, outros persoeiros ligados á ditadura, como Peñamaría del Llano, que foi un alcalde franquista que actuou no levantamento militar do 1936, e, en anos posteriores, participou na represión mesmo quitando do medio a demócratas que loitaban pola normalidade democrática. Esa cuestión está ligada a que moitos deses relatos proveñen do franquismo, e a democracia non fixo nada para normalizar os seus relatos. É importante retirar os símbolos, pero tamén facer pedagoxía, ter un relato democrático das biografías e dos feitos.

Como se debe trazar a relación coas figuras vinculadas ao franquismo, pero que tamén son persoeiros relevantes da historia da cidade, como Barrié de la Maza, Sotomayor ou Alfonso Molina?

É moi simple: collamos os méritos que acumulan esas persoas, cales son os motivos polos que manteñen recoñecemento nos espazos públicos da cidade, e se iso é compatible cunha sociedade democrática normalizada. Esas persoas teñen recoñecemento nos espazos públicos na medida na que participaron na ditadura franquista, e na medida na que foron prohomes recoñecidos pola propia ditadura. Iso, nunha sociedade democrática onde os espazos públicos teñen que estar asociados á convivencia, a persoas que prestan servizos de grande valor á sociedade, non se dan. O seu recoñecemento está ligado a participar de xeito claro e recoñecible na ditadura franquista. Iso non é compatible cunha sociedade democrática, ademais de que agora mesmo é incompatible coa lei.

Nos últimos anos, houbo avances na materia promovidos polo Estado: a demanda de recuperación de Meirás, as exhumacións de Franco e Primo de Rivera... mais se se lle toma o pulso, parece que a cuestión perdeu forza. Ten a impresión de que se levantou o pé do acelerador?

A CRMH vai organizar este ano o séptimo roteiro da vergoña. Chamámoslle así porque collemos barrios da cidade e facemos roteiros explicando a simboloxía franquista que aínda se mantén. Levámonos manifestando, facendo campañas informativas e pedagóxicas moitos anos, para concienciar á sociedade de que iso está aí. Os avances que se producen teñen moito que ver coa mobilización social na que exista o memorialismo. Se non existe, ninguén se preocuparía. A proba evidente de que, se nós non nos mobilizamos, desaparece, é Meirás.

Despois de moitos anos de loita, e con varios procesos xudiciais resoltos —de xeito relativamente satisfatorio, como o dos bens interiores—a cuestión de Meirás quedou nun impás. En que punto está?

Hai un plano xudicial que segue o seu curso: as sentencias e autos que se foron dando foron todas recurridas polos Franco. Hai dúas vías, a que ten que ver cos bens mobles do pazo de Meirás, pero, dende o punto de vista da administracións públicas, hai que seguir pendente da sentenza que ten que fallar o Supremo respecto da titularidade do ben inmoble, que é o máis importante. Hai que estar pendente de seguir loitando dende a perspectiva xudicial, pero sobre todo, atender ao plano memorialístico. O pazo de Meirás está sen resignificar dende o punto de vista democrático, aínda que se permite unha visita aos xardíns. A visita que permite o estado limita máis o acceso ao interior que o que limitaba a propia Fundación Francisco Franco. Non ten sentido, tendo en conta que agora, provisionalmente, é un ben público que xestiona o Estado. Se algo tan razoable como que poidamos acceder ás dependencias que xa permitían visita cando xestionaba a Fundación Franco, non se fai...isto é só un exemplo.

Houbo intentos de conformar unha comisión de expertos para resignificar o pazo. En que quedou?

O Estado está a incumprir os acordos que asinou con cinco administracións: Concello da Coruña, Concello de Sada, Xunta, Deputación e o propio Estado, para conformar unha comisión técnica para xestionar e resignificar o pazo de Meirás. Nin a comisión administrativa nin a técnica chegaron nunca a constituirse. Viñeron aquí a facer un acto de sinatura, unha escenificación, e nada. Algúns estabamos manifestándonos na porta, e poñendo de manifesto que a memoria non era facerse unha foto. Aquel convenio interadministrativo foi papel mollado. Por iso algúns estabamos na porta.

A casa Cornide é a outra grande conta pendente. O Concello manifestou en múltiples ocasións que a demanda era inminente. Esas accións legais non chegaron, porén, a iniciarse. Cal é a escusa?

O que se traslada sempre é que a demanda é inminente, está pendente de non se sabe que. Xa van moitas veces. É inexplicable que se apele á inminente presentación. Imos cunha demora de máis de 60 anos. Cada día que pasa resta posibilidades de recuperala.

Así foi co pazo: tardouse tanto que os herdeiros reivindicaron a propiedade por usucapión.

Si. Nese xuízo, no que Manuel Pérez Lorenzo e máis eu participamos como peritos do Estado, nas seis horas e pico que estivemos declarando, grande parte dese tempo empregouno a Abogacía do Estado para xustificar a demora na presentación da demanda, por que agora e non podía ser antes.

Suscríbete para seguir leyendo